Completada a instalación de dispositivos adaptados para invidentes nos semáforos do casco urbano de Carballo

Persoal da ONCE desprazarase a Carballo nas vindeiras semanas para explicar o funcionamento do sistema aos usuarios e usuarias

A empresa Alumbrados Viarios S.A. vén de rematar a instalación de semáforos adaptados para invidentes no casco urbano tras o contrato asinado co Concello de Carballo a finais do ano pasado. Tal como explica a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, a elección do sistema realizouse en coordinación coa ONCE, que se encargará de explicar o funcionamento do novo dispositivo aos usuarios e usuarias para que poida entrar en servizo nas vindeiras semanas.

Cruzar por un paso de peóns é algo que facemos a diario e que adoita ser doado, pero se a capacidade visual dunha persoa é reducida ou nula pode converterse unha tarefa difícil e mesmo perigosa. Carballo incorpórase ao grupo de concellos, aínda moi reducido, con semáforos acústicos, e utilizando ademais tecnoloxía probada xa con éxito en cidades coma Vigo ou Sevilla.

Os semáforos levan un sistema que se activa mediante bluetooth. Cando a persoa con discapacidade visual se aproxima recibe un sinal avisándolle da proximidade e de se o semáforo está verde ou vermello. O sistema mellora a autonomía das persoas cegas grazas a unha aplicación no teléfono móbil ou un mando a distancia. Neste caso utilizaranse mandos a distancia, 15 deles facilitados polo Concello de Carballo e o resto pola ONCE.

A diferenza dos sistemas utilizados noutras cidades galegas, e que dende a ONCE se están a desbotar pola contaminación acústica que supoñen, coas conseguintes queixas veciñais, o método escollido en Carballo permite controlar as emisións de son para que só se produzan no momento en que sexa operativo o semáforo, que o resto do tempo estará inactivo. “O obxectivo é seguir mellorando a accesibilidade e a seguridade das persoas con discapacidade, neste caso con discapacidade visual, e seguir construíndo un Carballo para todas e todos”, apuntou Milagros Lantes.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.