O Ministerio de Facenda confirma que Galicia foi en 2018 unha das comunidades que cumpriu todas as regras fiscais: déficit, débeda e regra de gasto

Con este cumprimento, Galicia evita a aprobación dun plan económico-financeiro e accede a outras vantaxes, como a utilización dunha taxa de reposición de empregados públicos maior da que poderán usar as comunidades incumpridoras

O Ministerio de Facenda vén de confirmar que Galicia é unha das comunidades autónomas que cumpriu no ano 2018 todas as regras de estabilidade orzamentaria, xa que cumpriu o obxectivo de déficit, o límite de débeda pública e a regra de gasto do exercicio. Isto supón que a Comunidade Autónoma evita ter que presentar un plan económico-financeiro (PEF), que si terán que realizar as administracións que incumpren algún dos tres obxectivos.

Tal como establece o informe que vén de publicar o Ministerio de Facenda, Galicia cumpriu no exercicio 2018 o obxectivo de déficit público, que estaba fixado no 0,4% para todas as administracións autonómicas, xa que Galicia pechou o exercicio con superávit contable por primeira vez nos últimos 16 anos.

Este informe do Ministerio de Facenda aínda non actualiza a cifra do superávit de 2018 para incluír o cálculo correcto, que é de 125 millóns de euros. De feito, o informe aínda recolle o cálculo inicial de 104 millóns de euros publicado en marzo pola Administración Xeral do Estado, pero Galicia xa lle ten trasladado ao Ministerio de Facenda a explicación técnica correspondente para subsanar este erro.

O mesmo sucede co límite de débeda pública, xa que o informe do Ministerio de Facenda mostra que Galicia pechou o exercicio cunha ratio de débeda/PIB do 18,0%, cifra que xa foi actualizada polo Banco de España ao 18,1%. En todo caso, o informe confirma que Galicia pechou o exercicio cumpriu o límite máximo autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira, que era do 18,4% para a Comunidade Autónoma.

Finalmente, o informe tamén ratifica que en 2018 Galicia cumpriu o límite da regra de gasto, un mecanismo que ten como obxectivo evitar consolidacións procíclicas de gasto na Administración, evitando un aumento excesivo dos gastos estruturais que, en épocas de dificultade, non poidan ser afrontados.

Co cumprimento dos tres obxectivos de estabilidade, Galicia evita a aprobación dun plan económico-financeiro, obrigatorio cando unha Administración incumpre algún destes parámetros. Ademais, Galicia beneficiarase doutras vantaxes derivadas deste cumprimento, como o acceso ao Fondo de Facilidade Financeira, a concesión de avais a empresas ou a utilización dunha taxa de reposición de efectivos públicos maior da que poderán usar as comunidades autónomas incumpridoras.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce + 13 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.