Piratas da Rede. Por @DulceCorcu

Levamos uns días doutra campaña electoral, máis intensa se cabe porque desta volta conleva elixir alcaldables e eurodeputados no que a nosa Comunidade respecta. Con todo en marcha e as maquinarias mediáticas a pleno rendemento, no Bloque Nacionalista Galego (BNG) acaban de sufrir unha abordaxe pirata en toda regra, vendo caer unha tras outra as páxinas de Facebook que o grupo político ten espalladas por todo o país, arma indispensable hoxe en día para chegar a boa parte da xente e do electorado, e para difundir a mensaxe nacionalista, entrevistas e o que cada agrupación teña a ben. Non é a primeira vez, pero sí a primeira tan masiva, onde apenas comezada a campaña durante uns días, e sen maior explicación, o emprego das redes sociais queda restrinxido.

Corcubión, Moeche, Verín, Boiro, Ferrol….son só algúns dos concellos que viron con estupefación como ao tentar operar dende a Rede, saíu unha escueta mensaxe onde aludía a un posible “contido inadecuado” para fundamentar o peche. En Facebook, calquera pode facer unha denuncia e iso xa permite, sen aviso previo, bloquear a páxina denunciada ata que verifiquen se tal contido existe en realidade. Pero non é cousa de minutos nin horas, soe levar o seu tempo e iso, en datas como as presentes, onde o tempo é verdadeiro ouro, non deixa de ser todo un ataque pirata. É obvio que o contido está fóra de toda dúbida, a menos que se considere inadecuado dar voz aos líderes da formación, a empregar a Língua galega ou a subir fotos dos candidatos nas súas actividades de campaña. Vivimos uns tempos nos que todo é tan puritano e ofensivo, que non se pode desbotar ningunha posibilidade.
No BNG tentan agora, aínda por restaurar un bo puñado das páxinas dos seus grupos, coñecer a que foi debida a denuncia, ou por parte de quen vén. Probablemente non chegue a saberse, pero pensar en xogo sucio dos rivais políticos é algo tentador e posiblemente non descabellado. As enquisas dan un novo repunte a un partido que nas pasadas Xerais obtuvo un bo resultado, aínda quedando ás portas do escano no Congreso. Pero dobrar votos non é algo baladí, e haberá quen calcule que volven ser un inimigo a ter en conta. No nacionalismo galego están afeitos aos paos nas rodas, aos mil atrancos que lles impidan ter e dar voz en Galiza. Fará falla algo máis que un peche de redes sociais para tumbarlles unhas expectativas polas que traballan e loitan, polas que percorren todo o país sen grandes titulares e sen comitiva xornalística subvencionada. Aínda así, parece que hai quen os teme. Quen se toma a molestia de saír a disparar á liña de flotación dun partido que, pese a todo, sabe manterse a flote. E sabe repeler ataques que, en definitiva, só conseguen facelos máis fortes. E máis ávidos de vitoria…pero xogando limpo: nas urnas. Non enrolándose en calquera barco pirata.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 + siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.