Un día de lecer

Por Xosé Edrosa Leal/Gonzalo Soto

Quedamos na praza diante do concello de Meira (Lugo), conxunto histórico de obrigada visita, do que foi o antigo mosteiro cistercense; a Igrexa de Santa María, presidindo a súa fachada principal un gran rosetón que lle dá solemnidade.

Subimos ata o Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do río Miño. Alí nos atopamos con un fermoso poema adicado ao pai dos ríos galegos ,escrito polo poeta galeguista Avelino Díaz, nado nas veciñas terras de Riotorto, preto á Serra de Meira, lugar preferido das súas lembranzas. Este poema, igual có resto da súa obra foi escrito en Bos Aires por este, aínda, lamentablemente, descoñecido autor, mergullado na saudade que dá a lonxanía alén mar.

Logo baixamos ata Fonmiñá, onde o río aínda cativo  fai un primeiro descanso, recolle unhas poucas pingas para seguir  silandeiro e paseniñamente conca abaixo pola Terra Cha cara ao seu destino.

Seguimos rota cara a Cruz da Cancela para achegarnos á parroquia de Santo Tomé, situada no pleno Val de Lourenzá, matria do ilustre escritor galeguista, don Francisco Fernández del Riego. Un día fermoso de primavera, co seu suave clima aloumiñado pola tenra brisa do mar mariñao. A primeira imaxe que percibe o visitante é a súa frondosa paisaxe en flor; as súas leiras nunha ordeada simetría ateigadas de horta que amosa unha gran calidade, como son as súas coñecidas e recoñecidas fabas, o que convida ao seu consumo.

Alí nos atopamos cunha verdadeira xoia, O Pazo de Tovar. Unha antiga fortaleza que data do século XII (hoxe adicado á hostelería e outros mesteres culturais), a que segundo as referencias pétreas foi reconstruída en 1530 por orde de dona Blanca e do seu esposo don Antonio de Tovar, xentil home do emperador Carlos V. Poñemos a dona Blanca por diante de xeito deliberado, non soamente por romper o peso da inercia da tradición, senón  por evidentes motivos de equidade co xénero, e tamén por razóns de xustiza histórica cos nosos antergos, pois non debemos esquecer que dona Blanca era familiar cercano do Mariscal don Pedro Pardo de Cela, decapitado en Mondoñedo o 17 de Nadal do 1483.

Achegarnos, pois, a un lugar coma este, ademais do respecto que che impón, significa dalgún xeito un acto de afianzamento nos nosos alicerces como galegos, de quen somos  e tamén do que puidemos ser e non fomos. Pardo de Cela, malia ás moitas  e controvertidas versións que abondan, foi un bo exemplo  delo, polo que cómpre afondar nas súas pescudas, e tamén na súa simboloxía. Algo disto xa llo temos indicado á señora alcaldesa de Mondoñedo, para que no seu desagravio levante un pequeno monumento na praza  da Catedral, pola que, segundo as crónicas, rodou a súa testa por aquelas pedras.

Malia ao tempo que pasou, aínda quedamos algúns galegos e galegas que, con independencia dos intereses persoais e do que representaba socialmente  don Pedro Pardo de Cela, foi un dos feitos determinantes para o noso futuro como pobo, impoñéndonos un modelo de Estado centralizado, non precisamente para beneficiar a Galiza como pobo, senón para centralizar e controlar os nosos impostos dende a corte de Castela, facendo unha Galiza dependente e baleira de soberanía. Cecais aquel feito influiu máis do que pensamos no noso carácter e na capacidade de esixencia dos nosos dereitos. Velaí o nivel comparativo de progreso das outras dúas nacionalidades de Catalunya e Euskadi.  Algún día deberíamos cavilar sobre estas cousas.

Unha vez situados no lugar do Pacio de Tovar, impresionados pola súa beleza e encanto, tamén co antollo e curiosidade de descubrir aquel tesouro patrimonial. O primeiro saúdo que recibimos foi o dos paxaros que coas súas voces graves saían do cumio das torres; cecais tamén para advertirnos de que eles son os verdadeiros gardeses naturais daquel tesouro.

E seguendo aquela sabia máxima de Séneca de que estómago baleiro non atende razóns, unha  vez recibidos pola rexedora da casa, pasamos a xantar, e axiña nos decatamos que Lourenzá non só é agricultura, paisaxe e patrimonio, senón tamén gastronomía, atención e amabilidade. Como di o conto popular, xantamos coma  cregos; seguramente coma  moitos daqueles que pasaron polo Seminario Menor de Lourenzá, situado no mosteiro benedictino San Salvador desta vila (outra auténtica xoia arquitectónica) para  logo rematar de facerse curas de almas no S. Maior Santa Catalina da antiga provincia de Mondoñedo, emblemática  Sé episcopal; terra de Cunqueiro e doutros grandes das letras que saíron daquela canteira do saber.

Ao rematar o xantar, liberados e relaxados da impresión e emocións históricas suscitadas, e por se non íamos dabondo fartos, agasállannos cun boliño de pan da fornada, saído do forno recén feito. O seu agradable arrecendo acompañounos todo o camiño de volta. Arrecendo como dixo o poeta chairego, Xosé Crecente Vega, o que tamén andou por estas terras da Mariña:

                                         Xa queda o pan a cocer.

                                         Xa hai sinales de fartura:

                                         Un arrecendo a cocedura

                                         que abre as ganas de comer.

    VOLTAREMOS!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

4 × cinco =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.