Un mar de muiñeiras. Nos estaleiros Navantia de Ferrol, actuación de máis de 660 alumnos e alumnas de centros educativos da comarca para bailaren en común unha muiñeira

O próximo dia 10 entre as 10,30 e as 12:30 horas terá lugar, nas instalacións dos estaleiros Navantia de Ferrol, a actuación de máis de 660 alumnos e alumnas de centros educativos da comarca para bailaren  en común unha muiñeira que será interpretada en directo pola Banda das Crechas.

Este acto, bautizado co nome de “Un mar de muiñeiras” está  avalado polo CFR de Ferrol dependente da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Ordenación Educativa, e organizado conxuntamente co Grupo de Traballo de Danza Tradicional do mesmo CFR Ferrol.

Esta performance didáctica representa a cristalización práctica do traballo desenvolvido nos últimos dez anos polo devandito Grupo de Traballo entre o alumnado dos centros educativos integrados no CFR Ferrol co obxectivo confeso de facer realidade a integración da danza tradicional de Galicia, ese Patrimonio Inmaterial, no curriculum escolar.

Conta coa colaboración e de modo especial  de Navantia Ferrol, quen cederá unha das súas naves para realizar e gravar a actuación, implementando así no proxecto a simboloxía de realizarse nun lugar emblemático da nosa comarca, como é o estaleiro, santo e seña da continuidade histórica na nosa bisbarra da vella tradición dos afamados carpinteiros de ribeira da Ría de Ferrol, que sabemos documentalmente foran xa solicitados polo corsario Antón de Garay no século XVI. Concédese así validez plena ao anceio dos orgaizadores de irmandar nun mesmo acto a tradición da construcción naval na bisbarra e o baile tradicional de Galicia.

O alumnado protagonista que participa en este acto como unha actividade complementaria máis das que se realizan habitualmente nos centros educativos pertencen aos seguintes centros: CEIP Cruceiro de Canido (Ferrol), IES de Mugardos (Mugardos), CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume), CEIP Plurilingüe O Ramo (Fene), CEIP Plurilingüe Ponte de Xubia (Narón), CPR Jorge Juan (Narón), IES Punta Candieira (Cedeira), CEIP Manuel Fraga Iribarne (Cariño), CEIP Nicolás Del Río (Cedeira) , Ciclo Superior Educación Infantil CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES Ricardo Carballo Calero (Ferrol), CRA de Narón (Narón). CPI San Sadurniño (San Sadurniño), CEIP de San Ramón (Moeche), CPR Plurilingüe Compañía de María (Ferrol), CEIP Almirante Juan de Lángara Y Huarte (Ferrol), CPI As Mirandas (Ares), CEIP A Solaina  (Narón), CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón), CPR Plurilingüe Jorge Juan (Fene), CEIP Plurilingüe Os Casais (Fene), CEIP De Pazos (Ferrol).

Este acto enmarcase na perspectiva de dar continidade ao labor divulgativo dos proxectos educativos do CFR Ferrol encetado no curso 2016-17 coa gravación do tema musical “Chea de Vida” e que, coa participación da cantautora Guadi Galego leva acadado xa cerca de cen mil visualizacións na plataforma Youtube e que poderedes ver no seguinte achego: https://www.youtube.com/watch?v=6K8imYXul4c&t=59s

O documento final do vídeo realizado, será compartido a través da plataforma de youtube, con motivo da celebración do día da letras galegas o 17 de maio.

Agradecemos por adiantado todo exercicio de difusión de este acto, fose cal fose a plataforma comunicativa elexida,  na seguridade de estardes contribuindo de modo notable a consolidación da danza tradicional de Galicia no curriculum educativo da nosa comunidade.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once − siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.