A delegación de ADEGA en Lugo renovou a súa directiva, á frente da cal seguirá Montse Lombardía

As socias e socios da entidade ecoloxista na comarca luguesa acordaron en asemblea as liñas de traballo para os próximos anos

A delegación en Lugo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebrou o pasado venres 7 de xuño no Centro Municipal de Convivencia Uxío Novoneyra a súa asemblea xeral.

Este encontro anual de socias e socios de todo o ámbito territorial que abarca a delegación luguesa de ADEGA serviu para valorar o traballo feito pola asociación nos últimos dous anos, aprobar os informes económicos e escoller unha nova xunta directiva, tal e como marcan os estatutos da asociación ecoloxista.

O novo equipo directivo, escollido por unanimidade, quedou formado por Montserrat Lombardía Fernández como presidenta; Adela Figueroa Panisse como vicepresidenta e vogal de Ecofeminismo; Esther Gómez Fórneas como secretaria; e Xosé Manuel Rodríguez Fernández como tesoureiro e vogal de Persoas con Diversidade Funcional. Haberá, ademais, catro vogalías, das que se responsabilizan Susana Seoane López (Relación cos Movementos Sociais); Lucía Álvarez Anido (Residuos e Consumo); Lois Toirán Vázquez; e Anxo Manoel Lamelo Fernández.

A asemblea xeral de ADEGA-Lugo acordou tamén as súas principais liñas de traballo para os próximos anos. No terreo máis organizativo, a asociación sinálase o obxectivo de abrir novas canles de participación da sociedade na propia ADEGA e nas súas actividades, con especial atención a lograr a incorporación de máis xente nova no movemento ecoloxista. Neste sentido, iniciativas como Fridays for Future e as mobilizacións estudantís dos últimos meses arredor do Cambio Climático son vistas como toda unha oportunidade.

No ámbito das actividades concretas, e sen desbotar a súa actividade reivindicativa, tanto a propia como a que canaliza a través das diferentes plataformas desde as que traballa, ADEGA continuará apostando nos próximos anos por diversificar todo o posíbel a súa oferta de actividades de divulgación e educación ambiental para chegar ao máximo público posíbel.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno + diecisiete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.