A feira das vanidades. Por @DulceCorcu

Acabamos de asistir ao gran espectáculo das investiduras como alcaldes/as e concelleiros/as  nos municipios de todo o Estado. Non sempre edificantes, nin tampouco sempre co resultado que se pensaba que ía ser. No canto de elixir entre presidir ou ocupar bancada na oposición, os nosos políticos, agás contadísimas excepcións, venden a súa alma a quen sexa menester con tal de facerse co bastón de mando. Aínda que se trate dese acérrimo inimigo co que catro anos atrás non firmarías nin un billete ao ceo.

Sen ir máis lonxe, un dos casos paradigmáticos dese senso é o de Democracia Ourensana (DO)  e o Partido Popular (PP) no Concello de Ourense, no que acaba de proclamarse alcalde a terceira forza máis votada, a de Gonzalo Pérez Jácome co apoio dos concelleiros populares, que previamente o defenestraran dende as máis altas instancias vía Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, que o consideraba letal para a cidade, ata as máis modestas. Ninguén o quería preto nin, moito menos, que fose o substituto de Jesús Vázquez, alcalde do PP na pasada lexislatura. Pero acabou sendo, e non porque de repente no Partido Popular abrisen os ollos e descobrisen a un Jácome que non fose zafio, populista, grotesco ou circense, senón porque o que descobriron foi que sen el non había maneira de conservarlle o cargo a  Manuel Baltar na Deputación. E iso si que non. Líña vermella absoluta porque o que é da familia, ten que manterse na familia até que poida herdar algún descendente da mesma linaxe. O comido polo servido e todos contentos.
Despois están as vilas pequenas, esas loitas encarnizadas na barra do bar onde todo o mundo aporta solucións pero que mira con desconfianza a ese veciño ou veciña que da o paso de integrar unha lista. Xa non digamos unha vez consumados os resultados: retiradas de saúdo, cambio de lugar onde se tomaba café para non coincidir e tamén todo o contrario: aqueles que nunca se deixarían ver con alguén que agora está sentado no seu despacho, cun cargo deses que nin pincha nin corta pero contenta. Porque para ser político electo non se require máis que iso, que te elixan. Non se pide formación, nin que saibas de algo. Abonda con ter a autoestima alta e paisanos con gañas de facer brincadeira que vaian votarte. Parece descabellado pero pasa. Con frecuencia, ademais.
Afortunadamente, existe todo o contrario. Alcaldes e alcadesas coma Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra ou Manuela Carmena en Madrid, entre outros, por máis que ela non conservase o cargo. Os dous fixeron das súas cidades lugares moito mellores, humanizadas e despostas para a mellor convivencia do cidadán. Sabedores de que ser alcalde ou alcaldesa é iso: servir á xente. Única e exclusivamente. Requírese capacidade, bo equipo e tamén principios, algo totalmente en desuso na política actual, pese a que nestas eleccións vimos algún caso concreto deles: a desautorización do BNG en Catoira por acadar a alcaldía cos votos do PP, e á alcaldesa de Conil de la Frontera (Cádiz), Carmen Sánchez, que dimitíu nada máis ser investida grazas aos votos tamén do PP. Son pingas dunha dignidade que non se estila, nuns tempos onde a política é diariamente convertida nunha feira das vanidades da que poucos escapan.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 − 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.