ADEGA-Lugo organiza un roteiro pola Serra do Xurés para coñecer a fauna dos grandes territorios

A delegación en Lugo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) pon o ramo á súa temporada de roteiros 2018-2019, ‘Fauna d’aquí’, cunha andaina pola Serra do Xurés e o Parque Natural da Baixa Limia programada para o vindeiro domingo 9 de xuño

Nesta ocasión, a fauna protagonista deste roteiro de montaña será a que habita os grandes territorios: ADEGA, de feito, escolleu para esta súa última saída da temporada o suxestivo título “seguindo os pasos do lobo baixo a mirada da aguia real”.

O Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, xunto co contiguo Parque Nacional da Peneda – Gerês, conforma unha unidade de 100.000 ha de espazo protexido onde se solapan distintas figuras de protección (Reserva Transfronteiriza da Biosfera, ZEC, ZEPA).

Na Serra do Xurés a peculiar xeoloxía, xeomorfoloxía e clima contribuíron a conformar o hábitat de especies de flora e fauna únicas, que teñen nestas inaccesíbeis serras o seu último refuxio.

Entre os penedíos da serra, armerias e lirios comparten espazo con especies que precisan grandes territorios como a reintroducida cabra montesa, a aguia real ou o lobo, nun fráxil equilibrio ao xeito dos bolos graníticos que conforman as pedras cabaleiras.

O percorrido previsto, que será de dificultade media e terá unha distancia de 12.5 km, achegarase durante a mañá ao corazón da serra, ao foxo do Lobo de Guende, nunha ruta que permitirá contemplar os profundos vales e abruptos cumios da Serra do Xurés e o contraste cos planaltos do Leboreiro e a Mourela. Xa pola tarde, o roteiro discorrerá polo val do río Caldo, nun treito da Vía Nova, rematando cun baño, de auga quente ou fría (a escoller).

A andaina será guiada polo experto coñecedor do parque natural Alberto Gil “Toupa”, colaborador do GREFA (Grupo de Recuperación da Fauna Autóctona e o seu Hábitat), co-responsábel da reintrodución da aguia real no Xurés. Toupa defínese a si mesmo, de feito, como un “pastor de aguias”.

RESERVA DE PRAZA

A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva da páxina web dos roteiros http://roteirosadegalugo.wordpress.com, aínda que tamén é posíbel facela por teléfono, no 982 240 299 ou no 679 721 687. As prazas cubriranse por orde de inscrición até o xoves 6 de xuño, ás 14:00h.

O pagamento deberá efectuarse por adiantado e mediante transferencia bancaria ao número de conta que se indicará unha vez formulada a solicitude a fin de facer efectiva a reserva.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

9 + doce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.