Cadernos da viaxe. Unha ruptura demorada de máis. Por Xoán Antón Pérez-Lema

Luis Villares e outros tres dos catorce deputados do Grupo Parlamentario de En Marea asinaron o seu pase ao Grupo Mixto, mentres unha quinta-Flora Miranda- anunciou a súa demisión inmediata. Deuse, pois, unha situación inédita: que os deputados suxeitos á liña política marcada polos órganos  lexítimos do partido tivesen que deixar o Grupo no canto de facelo os deputados que racharan coa disciplina orgánica. Esta situación sería impensábel no eido local, onde as disposicións antitransfuguismo permiten a expulsión dos concelleiros rebeldes de cadanseu grupo local. Mais o Regulamento do Parlamento de Galicia non ten normativa análoga.

Compre lembrar que ás eleccións nacionais galegas de 2016 compareceu un partido, En Marea, fundado o 29 de xuño de 2016 como organización nacional galega e plenamente soberana. A desaquelada proporción obtida por Podemos entre os catorce deputados (sete, hoxe seis pola adscrición de Pancho Casal á liña oficialista de En Marea) explícase nunha trampulleira abordaxe telemática  do proceso de primarias das candidaturas que implícitamente recoñeceu Echenique e marcou o comezo da colonización podemita.

Ficou entón claro que existían dous proxectos, un nacional galego e outro que acreditaba seren sucursal da esquerda española, cada vez máis xerarquicamente sometida ao personalismo de Pablo Iglesias. Velaí que a ruptura tardara de máis. Habería ter chegado moito antes, quizais xa cando o chamado grupo confederal no Congreso impediulle aos deputados Alexandra Fernández e  Miguel Anxo Fernàn Vello actuar como auténticos voceiros. Pagaba ben máis a pena que Fernàn Vello e Alexandra Fernàndez, ao xeito do que intelixentemente fixeron os catro deputados de Compromis, pasaran a Grupo Mixto para visualizaren a liña política que querían as bases de En Marea.

Mais Deus nos libre dun xa foi. Aquí pasou o que pasou e En Marea enfronta o seu futuro sen representación nas Cortes nin nos principais concellos galegos, só con algunha representación local propia ou próxima nalgúns concellos medianos e pequenos. E ten de decidir o seu futuro dende esas desfavorábeis condicións, quizais a só un ano das vindeiras eleccións nacionais galegas.

Hai espazo para unha forza nacional galega á marxe do BNG? Non o había hai dez ou doce anos, mais semella que arestora podería existir ese oco, na medida na que o BNG non aposte decididamente por cobrir tamén o espazo dos sectores menos ideoloxizados, da transversalidade interclasista e das propostas socialdemócratas. En calquera caso, mal farían os actuais mareantes se definen o seu proxecto “contra” no canto de facelo en positivo e abertos, quer á aberta competición, quer a determinada cooperación co BNG. Como tamèn se definiran primeiro quen son os seus aliados estatais antes ca os seus propios socios estratéxicos galegos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 − siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.