Chega a Narón a campaña de reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos dos Bolechas

A campaña de sensibilización iniciada en decembro pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende fomentar hábitos relacionados co bo uso e recuperación de residuos eléctricos e electrónicos. Esta fin de semana a campaña estará de 11:00 a 17:00 horas no parque Río Freixeiro de Narón

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desenvolve ao longo de xuño e xullo unha nova acción de sensibilización en materia de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). A iniciativa, que percorrerá 24 concellos, chega esta fin de semana a Narón cunha acción de street marketing ou marketing de rúa na que participan os Bolechas co fin de achegar a mensaxe ao público infantil e familiar.

A campaña, que estará aberta ao público no parque Río Freixeiro de 11.00 a 17.00 horas, conta cunha carpa inchable tipo iglú con monitores especializados para informar a todas as persoas que se acheguen ata o posto sobre a reciclaxe dos RAEE. No interior da carpa, unha gran pantalla central con xogos interactivos e varias pantallas laterais proxectan vídeos informativos sobre o tema. Así mesmo, despregaranse valados e bicicletas na zona, que se utilizarán como soporte publicitario.

A campaña chega a Narón tras pasar xa por diversas localizacións, como Marín, Carballo, A Coruña (onde se desenvolveu en paralelo ao Gran Premio Internacional Marcha Cantones) ou Santiago de Compostela (onde estivo coincidindo coa celebración de O Son do Camiño).

Mellorar a xestión dos RAEE

O principal obxectivo desta nova iniciativa de carácter divulgativo é fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na nosa contorna para poder facer unha mellor xestión dos RAEE. Para iso é esencial aumentar as actuais taxas de recuperación deste tipo de residuos. Paralelamente, trátase de proxectar a imaxe de Galicia como pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a infancia, como vía para contaxiar ao resto da sociedade dese mesmo impulso sustentable e ecolóxico.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete + diecinueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.