En Marea pide a paralización cautelar inmediata das obras que se desenvolven na Serra de Oribio, unha zona do Courel que é Rede Natura 2000

Na zona había proxectado un parque eólico dende o 2009 pero a lei impide a día de hoxe a instalación de novos aeroxeneradores en Rede Natura 2000

O grupo parlamentario de En Marea, por iniciativa do seu vicevoceiro, Antón Sánchez, vén de rexistrar na Cámara galega iniciativas encamiñadas a solicitar a paralización cautelar das obras que se están a desenvolver nunha das serras máis emblemáticas do Courel, na serra de Oribio, pois todo apunta a que se trata do proxecto dun parque eólico da empresa Fergo Galicia Vento S.L.

“Poderíamos estar diante dunha actuación ilegal e pedimos a paralización cautelar para evitar danos irreversibles mentres non se aclare a situación do exediente”, sinala Antón Sánchez, que engade que ” tampouco nos consta que a Consellería de Industria tivese expedido recentemente ningunha autorización administrativa para a modificación do proxecto”.

“Tampouco entendemos a autorización por Resolución de 13 de febrero de 2019, por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, administrativamente e aprobouse o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela. Por qué autorizar unha liña de evacuación dun parque eólico que non se pode executar legalmente, por estar situado en Rede Natura?”, denuncia Sánchez.

A Serra de Oribio é unha espazo natural protexido, incluído en Rede Natura 2000 como zona de conservación da ZEC Ancares-Courel e Zona de Especial Protección de Valores Naturais (ZEPVN), polo que segundo o Plan Director de Rede Natura e o artigo 32 da Lei 8/2009 do sector eolico de Galicia, na que estaría prohibido a construción de novos parques eólicos.

Segundo denuncian diversos colectivos en defensa do medio ambiente, coma ADEGA ou a Sociedade Galega de Ornitoloxía, as obras xa destruíron parcialmente o Camiño Real que percorre a cima do monte e que une Vilafranca do Bierzo e Monforte e están a poñer en risco outros bens patrimoniais inventariados, como a mámoa de Fial ou as antigas Ventas da Braña, do Retorno ou o Portazgo do Oribio (antigo lugar de dereito de paso).

Para En Marea é inaceptable que o Goberno de Feijóo non só non cumpra co seu compromiso de ampliar a superfcie de Rede Natura 2000, que é das máis baixas do Estado (un 12% fronte á media estatal do 27.5%), senón que a maiores “lle entreguen as escasas zonas protexida que temos como a serra do Courel ás eólicas e os intereses empresariais privados”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.