O 21 de xuño para festexar o Día da Música, Os Resentidos tocarán no Gaiás

A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, nunha actuación de entrada libre e de balde.

Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma.

Por este motivo, esta formación —enxerida na coñecida como a ‘movida viguesa’— converteuse nun referente para as novas xeracións de músicos do país e un dos grupos máis célebres fóra de Galicia, ata  o punto de que Fai un sol de carallo foi un dos dous únicos discos en galego —xunto a Me llamo Andrés do Barro Lapique, de Andrés do Barro— incluídos no libro 201 discos para engancharse al pop/rock español, de Tito Lesende e Fernando Neira.

Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados…. Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo, nas que se falaba da reconversión naval, do paro ou da crise dos sectores produtivos primarios de Galicia e que, moitas delas, manteñen a súa vixencia na actualidade. Así, Somos 29 na casa e estamos todos no paro de Economía sumerxida teñen máis de vinte anos, pero parecen inspiradas en titulares de xornais ou novas dos informativos.

Os Resentidos envolven toda esta indignación nunha peculiar fusión de rock, funk depresivo, rap, pop e folk cunha retranca intelixente, na que sempre hai convite para a festa. Precisamente, nos últimos oitenta a súa popularidade era tan grande e tan heteroxénea que alternaban as actuacións como gran atracción nas festas patronais das vilas galegas con presentacións nos máis selectos platós televisivos de Madrid. Hoxe en día moitos dos seus temas forman parte da listaxe de imprescindibles nas orquestras e nas verbenas actuais.

Todos estes temas, xunto a unha selección de novas composicións, vanse poder cantar e bailar o venres 21 de xuño, ao aire libre, na Praza Central do Gaiás, con entrada de balde. A banda subirase ao escenario ás 21 horas, capitaneada polo seu histórico líder, Antón Reix

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.