Olga Louzao considera que os cambios no Goberno de Lugo son “meramente estéticos” porque “as concellerías clave segue levándoas o PSOE”

Anuncia unha “oposición útil, leal e construtiva” e o “apoio a proxectos clave para a cidade e a todo aquilo que sexa beneficioso para Lugo” 

A portavoz municipal de Ciudadanos en Lugo e candidata á alcaldía nas pasadas eleccións municipais, Olga Louzao, afirmou esta mañán que “os cambios no Goberno municipal de Lugo coa entrada do Bloque semellan meramente estéticos”, xa que, dixo, “as concellerías clave, como economía, urbanismo e persoal segue levándoas o PSOE”.

“O PSOE segue mantendo as áreas fundamentais para o funcionamento do Concello. Agardabamos desde Ciudadanos que o Bloque, despois de 4 anos criticando a mala xestión de Lara Méndez nestas áreas, fose valente e responsable e asumira algunha destas concellerías clave”, considerou Olga Louzao.

A portavoz de Ciudadanos asegurou tamén que “resulta cando menos curioso que o primeiro que anunciaron o PSOE e o Bloque fose o reparto de cargos” mentres “non sabemos aínda que queren facer en Lugo nos próximos catro anos porque descoñecemos cal é o programa de Goberno conxunto”, criticou.

Olga Louzao anunciou tamén unha “oposición útil, leal e construtiva de Ciudadanos apoiando todos aqueles proxectos ou actuacións que sexan boas para os lucenses e para sacar á cidade da parálise actual pero tamén unha oposición responsable, denunciando todas aquelas cousas que se fagan mal”.

Que o Goberno comeze a resolver problemas desde este mesmo luns

Ciudadanos, que incrementou o número de votos en Lugo até os 4.000 apoios e mantivo a representación na Corporación Municipal, con dous edís, quere “que a cidade se poña a andar canto antes”, por iso Olga Louzao pediu a Lara Méndez e a Rubén Arroxo “que comecen a gobernar de inmediato, desde este mesmo luns”.

Neste sentido, Olga Louzao insistiu en que “a cidade non pode perder máis tempo e hai asuntos que requiren unha solución canto antes” e lembrou que “en moitos temas hai coincidencia das distintas forzas políticas e mesmo acordos plenarios que simplemente hai que desenvolver e poñer en marcha”.

Acordos plenarios en asuntos como o Garañón ou a ORA

Puxo como exemplos a execución das sentenzas do Garañón, onde “existe un acordo plenario asinado polo BNG con PP e Ciudadanos en base ao derrubo das torres e evitar indemnizacións millonarias para as arcas municipais e que debería ser a base para actuar neste asunto de vital importancia para a cidade”, afirmou a voceira de Ciudadanos.

Tamén hai acordo, lembrou Olga Louzao, para a recuperación dun sistema ORA gratuito e para municipalizar o servizo da grúa, para renovar o contrato de recollida de lixo, ampliar a Escola de Música, convocar as prazas das ofertas de emprego público dos anos 2017 e 2018, implantar un sistema de control horario no Concello ou acometer obras como a peonalización do tramo da Mosquera, converter en unidireccional a Avenida da Coruña ou facer unha rotonda en San Eufrasio.

“Urxe unha proposta de Orzamentos para este ano”

“Todas estas actuacións contarán co apoio de Ciudadanos”, anunciou Olga Louzao, que pediu a Lara Méndez e a Rubén Arroxo que “antes de marchar de vacacións presenten unha proposta de Orzamentos Municipais para este ano e convoquen de xeito inmediato a comisión para a reforma dos buses, algo que Rubén Arroxo reclamou insistentemente no anterior mandato”, lembrou.

Ciudadanos anuncia que “arrimará o ombreiro en temas fundamentais nos que todos estamos dacordo e que non poden agardar máis” e pide ao novo goberno “que teña unha actitude recíproca de diálogo coa oposición, algo que non houbo nestes últimos catro anos”. “Rubén Arroxo queixábase en todos os Plenos de que o goberno de Lara Méndez non falaba coa oposición nin tiña en conta a oposición para nada, agardamos que isto non se repita porque os 25 concelleiros e concelleiras que formamos parte da Corporación representamos aos cidadáns de Lugo e temos cousas que aportar”, dixo Olga Louzao.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 − 19 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.