Preto de 70 persoas promoven a saúde mental a través do deporte nunha xornada de convivencia

O vindeiro luns 17 de xuño, a Escola de Tenis Marineda acollerá nas súas instalacións en A Barcala (Cambre) o “I Encontro Deporte e Saúde FEAFES” organizado pola citada escola en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste encontro, que se desenvolverá ao longo da mañá de 11h a 15h, participarán preto de 70 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galicia.

O encontro, cun marcado carácter lúdico e de convivencia, incluirá actividades de tenis, pádel, fútbol e baloncesto. Divididos en grupos de 15-20 persoas, os participantes irán rotando polas catro estacións nas que os monitores realizarán clases prácticas ou xogos relacionados con cada deporte. Deste xeito, os asistentes poderán ter un primeiro contacto coas disciplinas deportivas do tenis e o pádel, dirixidas por monitores da Escola de Tenis Marineda, e outras alternativas máis lúdicas nas estacións de fútbol e baloncesto, deportes tradicionalmente máis coñecidos.

A Coruña acolle este venres o IX Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental

As persoas que participarán nesta actividade pertencen a diversas asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Albores (Monforte), Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón), APEM (A Coruña, Culleredo, Betanzos, Carballo, Cee e Vimianzo), Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental FEAFES Galicia (A Coruña), A Creba (Noia e Ribeira), Avelaíña (A Guarda e Ponteareas) e Morea (O Barco de Valdeorras).

O obxectivo deste encontro é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. Ademais, esta actividade permite aos seus participantes romper coa rutina, relacionarse con outras persoas e socializar, mellorando así o seu autoestima e benestar.

Tras a xornada deportiva, realizarase unha foto de grupo e, posteriormente, os participantes gozarán dunha comida de convivencia na Escola de Tenis Marineda.

Saúde Mental FEAFES Galicia

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.

Escola de Tenis Marineda

A Escola de Tenis Marineda naceu en marzo de 1997 da man dos irmáns Juan e Miguel A. Hernández Rey co obxectivo de popularizar a ensinanza do tenis e facela absequible a todos os públicos, sen a imperiosa necesidade de pertencer a un club privado.

Arrinca con 24 alumnos e a ilusión de ir aumentando tanto a calidade da ensinanza como os servizos ofrecidos. Hoxe en día conta cunha dilatada traxectoria e recoñecemento na ensinanza do tenis (incluído o tenis en cadeira de rodas) e do pádel, contando cunhas boas instalacións e un destacable número de alumnos. Organiza anualmente varias ligas e rankings, ademais de tres torneos para todas as categorías con importantes premios nos que conta cunha masiva participación entre os xogadores coruñeses.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce + trece =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.