RC Deportivo. Tan só morrer ou gañar. Por @DulceCorcu

A faixa dos Blues era a crónica anunciada do que só podía acontecer en Riazor, sen máis opcións neste treito final de tempada onde a esquiva sorte, por fin, viña de cara. Clasificarse para este “play off” final era algo xa case descartado ata que chegou a derrota do Cádiz ante o Extremadura e a vitoria deportivista naquel agónico penalti do minuto 96 diante do Mallorca. O inesperado, o milagre, comezou a cobrar forma e a mover maquinarias que o fixesen posíbel. A mobilizar corazóns coma nos vellos tempos, aqueles de loor e gloria, de honra deportivista e orgullo sempre derramado sobre un céspede que agora só arrastra pesar e derrota. Pero todo toca ao seu fin. E voltar, chegar a porto despois desta tormentosa singladura estase a converter nunha realidade que case se pode tocar, que xa se saborea aínda conscientes da forte oleaxe que resta no camiño. 

Un partido que xogou os seus primeiros minutos nas rúas, na afección acompañando ao autobús dos xogadores vestidos de finalísima, de expectativas que non contemplaban outra cousa que tinguir de branquiazul Riazor enteiro, sabedores de que a historia estaba outra vez aí, a punto de caramelo para devorala e derreterse nela. E así foi dende o primeiro minuto, sen contemplacións nin lugar para o pesimismo. Un estadio que rebosaba de cánticos e empurre, levando en volandas a uns xogadores que fixeron da área do Córdoba un lugar onde quedar a vivir, porque dela non había quen os arrincase. Un saque de curruncho tras outro, acoso e derrubo con só un par de galopadas do rival ás que Dani Giménez deixou sen ás coa súa categoría habitual. Pero houbo que agardar, enlatar a impaciencia ata o fío do descanso, cando por fin e coma non, despois do enésimo saque de curruncho, o balón acabase na bota de Borja Valle, que tocou para que a pracer o tanto subise ao marcador e ás infatigábeis gorxas dos afeccionados. O primeiro acto estaba acadado. A esperanza e o obxectivo, moito máis preto.
Na segunda metade, non foi preciso ver correr o tempo tan lentamente, abondaron os primeiros minutos para que Pedro Sánchez, de exquisito lanzamento lonxano, sentenciase o partido dos soños. O da épica que tanto tempo facía que o Deportivo non vivía nin facía vivir. O partido por fin da escaleira ao ceo, ao cúmio dunha remontada tan desexada e anhelada. A función aínda está por rematar…pero o elenco xa prepara o seguinte asalto. Entre bambalinas, os Blues, a afección, afinan ese coro de voces que non descansará mentres o barco non atraque. Tan só queda outra vez, nestes quince días….morrer ou gañar.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco + diecisiete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.