A Consellería de Política Social destina 301.857,99 euros para licitar as obras de mellora das instalacións do centro de menores Santo Anxo da Garda, en Rábade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos centraranse na envolvente térmica do edificio e na mellora das instalacións interiores, incluídas as aulas e habitacións.

O obxectivo final é o de mellorar a condicións dos residentes, visitantes e persoal do centro, e tamén contribuír á modernización dunhas instalacións que datan do ano 1973 e que verán ampliada a súa eficiencia enerxética.

O prazo de execución da obra será de catro meses. As empresas interesas teñen ata o 24 de xullo para presentar as súas ofertas e poden consultar a documentación, pregos e características concretas no portal de contratos públicos de Galicia.

Descrición dos traballos

A obra proxectada inclúe a mellora xeral do sistema de illamento térmico do edificio, actuando sobre a totalidade do mesmo: fachadas, cuberta e carpintería exterior. A mellora da eficiencia enerxética trae aparellada a redución de gasto para manter o inmoble a unha temperatura óptima, co consecuente beneficio para o medio ambiente.

Procederase tamén a substitución do sistema de evacuación de augas pluviais (canlóns e baixantes) que serán agora de aceiro lacado e ao cambio de fiestras e portas, que serán de aluminio, para garantir un máis axeitado pechamento térmico.

Polo que respecta ao interior do edificio, os traballos prevén a renovación dos baños existentes no primeiro andar, incluída a substitución das pezas sanitarias que sexan precisas. Prevese tamén incorporar un aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida.

No resto do inmoble completarase a mellora da accesibilidade das instalacións coa construción dunha rampla de acceso e a substitución da varanda existente na escaleira por outra nova.

Centro de menores

O centro de menores Santo Anxo da Garda, é unha instalación residencial de protección de menores, de titularidade e xestión pública, coa tipoloxía de centro de reeducación, no que se presta acollemento residencial a persoas menores de idade que se atopan baixo a garda ou a tutela da administración pública, por proceder dunha situación de risco ou de desamparo no seu núcleo familiar.

Os usuarios deste centro son mozos e mozas de 14 anos ou máis, que requiren dunha intervención especializada por presentar problemas de conduta que desaconsellan a súa convivencia con nenos e nenas máis pequenos noutros centros residenciais. Estes rapaces e rapazas son obxecto dun tratamento educativo individualizado que ten en conta as súas circunstancias persoais e socio familiares.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.