A ENTREVISTA. Raquel Suárez Regades, portavoz do BNG no concello de Boiro: “Dende a oposición trataremos de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas”

  Manuel Fernández García 

Logo de dúas lexislaturas gobernando o Partido Popular, nestas eleccións produciuse un cambio de goberno en Boiro, liderado polo socialista José Ramón Romero García que para elo necesitou o apoio da investidura de moitas forzas da oposición, hoxe falaremos coa portavoz do BNG, Raquel Suárez, que nos contará con máis detalle como están as cousas no concello boirense.

-Raquel, como valora os resultados das  eleccións municipais?

Por un lado, os resultados foron esperanzadores porque non houbo maiorías absolutas, o que posibilitou o cambio de goberno en Boiro. Rematouse así con oito anos de abandono e improvisación do goberno do partido popular.

Por outro  lado, para nós en concreto foron decepcionantes, pois mantivémonos en número de concelleiras e en número de votos, pero non tivemos apoio suficiente para liderar o cambio de goberno desde o BNG, que era a expectativa que tiñamos despois de catro anos de intenso traballo como primeira forza de oposición.

Por que non decidiron formar parte do goberno municipal?

Pois porque nunca se nos deu a posibilidade para formar parte del, nunca se nos convidou a ser socios de goberno. O Psoe desde o comezo manifestou a súa intención de levar a cabo un goberno en minoría e os pasos que deron até o de agora indican que vai ser así.

Desde o BNG unicamente demos o apoio para favorecer a investidura, algo sabido de antemán porque xa desde antes das eleccións dixemos que se do bloque dependía, íamos a facilitar o cambio de goberno.

Ao seu xuízo, que cousas debe cambiar o actual goberno?

O actual goberno debe atender ás demandas de toda a veciñanza sen lugar a discriminacións e facela partícipe da toma de decisións. Así mesmo, é urxente mirar polas aldeas, dinamizar e favorecer zonas de aparcamento, así como posibilitar un Boiro accesíbel e seguro. É prioritario tamén revivir o entramado cultural do noso municipio, posto que as iniciativas que houbo nestes oito anos partiron sempre de colectivos e asociacións.

Debe sacar máis prazas a concurso para as diferentes áreas do concello?

Non sei se iso sería necesario nalgún ámbito. O que si é realmente importante é a xestión dos recursos humanos de xeito eficiente, saber optimizar o persoal que hai a día de hoxe posibilitando que todas as necesidades estean cubertas. Na planificación de recursos é onde se ve tamén o saber facer dun goberno.

Cre que mellorarán as cousas respecto á pasada lexislatura?

Teño esperanzas de que así sexa. Confiamos niso, por esa mesma razón favorecemos co noso apio o investidura de Martiño. Sería moi decepcionante para o BNG e para toda a veciñanza de Boiro que non mellorasen as cousas co novo goberno.

Un dos temas que está moi presente nos concellos pequenos , é a falta de apoio ao comercio local, en Boiro sucede o mesmo?

Desde o concello colaborase en determinadas campañas coa ABE, pero para favorecer o comercio fai falta poñer o punto de mira no día a día. Manter os espazos públicos limpos, un correcto funcionamento no servizo da recollida do lixo ou dinamizar zonas de aparcamento é algo fundamental para o comercio local.

Desde o BNG sempre apoiamos o comercio local demandando este tipo de actuacións básicas e cada ano realizamos campañas de apoio sobre a importancia de consumir no municipio, pois é así como a economía reverte no pobo.

En canto á creación de emprego, que propón o BNG?

É importante ofrecer posibilidades de traballo para as persoas desempregadas e tamén para a mocidade que se atopa en idade de acceder por primeira vez ao mercado laboral.

Dende o BNG pensamos que é prioritario apoiar e a promover a unión de todos os axentes sociais e empresariais para favorecer o emprego. A mellora do Polígono Industrial, así como a creación de estruturas que permitan descubrir novos nichos de emprego son piares fundamentais. Reformular o funcionamento do actual Viveiro de Empresas para que albergue espazos para persoas emprendedoras, así como para persoas con diversidade funcional. Apostar tamén pola defensa dos nosos sectores produtivos (marisqueo, acuicultura,…).

Como comentaba antes, é importante concienciar á cidadanía das vantaxes económicas que supón mercar no Concello de Boiro, promovendo políticas para potenciar e dinamizar o comercio local e mellorar o funcionamento da Praza de Abastos. Consideramos tamén básico  fomentar  a creación de Iniciativas Locais de Emprego.

Comentábase que o seu compañeiro Deira xunto co equipo de goberno que tiña, fixo unha gran labor nas parroquias, debe retomarse ese traballo ou seguiuse levando a cabo como ata agora?

Tense que retomar. De feito é algo que levabamos no programa. A posta en marcha dos consellos parroquiais, que estaban en funcionamento cando o BNG estaba no goberno e que foron desmantelados coa  chegada ao goberno do partido popular. Os centros sociais que parece que levan aí toda a vida, tamén foron unha realidade co goberno encabezado por Deira, durante as lexislaturas do PP non se fixo sequera un mínimo mantemento e dotación das instalacións, polo que agora urxe poñelos en marcha cunha xestión de traballo coordinada. Isto permitiría a participación e posibilitaría a  vida tamén nas parroquias.

Por outro lado, os servizos teñen que diversificarse, non poden estar todos canalizados no centro de Boiro. As parroquias e aldeas deben estar dotadas de servizos e actividades que permitan desenvolver unha vida plena nelas.

En canto ao turismo, que medidas se deben levar a cabo?

O turismo no concello de Boiro debe formar parte dunha dinámica integradora. Son moitas as posibilidades que este ámbito ofrece. No BNG pensamos que se debe incentivar o turismo aproveitando os nosos recursos paisaxísticos, impulsando eventos de competición deportiva, acondicionando rutas de sendeirismo ao redor do noso patrimonio (Castros de Neixón, petróglifos,…), colaborando de maneira sistemática co sector da hostalería, entre outros. É fundamental ademais rehabilitar o Pazo de Goiáns como motor de reclamo turístico e cultural, desenvolver todo o potencial turístico dun Concello con costa e praia como é o noso. É básico a rexeneración do litoral, mellora dos paseos marítimos e dos servizos dos areais. Algo que tamén levamos no programa é impulsar o turismo gastronómico vinculado aos produtos de temporada, así como tamén á promoción do noso produto estrela, o mexillón.

Buscar alternativas para vincular o turismo co traballo do mar e do campo: mar e peixe, restaurantes, horta e campo, produtos gastronómicos, visitas, rutas, exposicións,…

Promocionar o Concello de Boiro como referente turístico da Barbanza de xeito útil en diversas institucións, redes empresariais, culturais e sociais.

Activar canles de información e axuda para todos aqueles novos empresarios ou emprendedores que vinculen o seu negocio ao turismo ou a impulsalo.

Por último, que mensaxe lle manda á vila boirense nesta lexislatura?

En primeiro lugar, agradecer a todas as persoas que nas pasadas eleccións apoiaron co seu voto ao BNG.

En segundo lugar, trasladar a toda a veciñanza o noso compromiso para seguir traballando a favor dos intereses xerais da cidadanía. Desde a oposición continuaremos co noso proxecto, tratando de  mellorar as condicións do noso pobo e a calidade de vida de todas e todos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 + ocho =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.