¿Árdelle a bisectriz ou férvelle o eixo? Por Xabier González

Xabier González

@xabiergzalez

 Non estou moi seguro nin tampouco pregunteille, pero a Matria que chamamos Galiza é, abofé!, un organismo NON institucional e, polo mesmo, vivo e tan saudable como fértil. Non é estrano pois que piollos, pulgas e carrachas, tenten mante-la colonizada con praxes dispares -que cada quen defende como mellor convenlle- pero coincidentes no fondo da cuestión que é seguir a vivir dela e non para ela.

Por unha banda están @s polítolog@s e adláteres das castes que se din políticas para lembrarnos, de cando en vez ou de cando en vez, que Galicia, como concepto nacional, estase esvaendo -como un gas nobre- no medio do lento pero continuo descenso aos purgatorios da ausencia de opcións que realmente a representen; como un paso máis -sen opcións de “paso menos”– dentro dun tan paseniño como permanente camiñar cara ao incoloro e insípido e, por tanto, cara a indiferenza e o esquecemento.

Diría un ex amigo meu que é algo consuetudinario, que non se sabe polo qué  pero que ocorre e non atopamos -@s Galeg@s- fórmula algunha para detelo.

Claro que o meu ex amigo tamén aseveraba que con “crepúsculos” -en realidade quería dicir “grupúsculos”– non se construía Galicia porque, segundo a súa interpretación, “os crepúsculos agrupan sempre a pouca xente e con pouca xente e sen diñeiro non se chega a ningunha parte”.

O que dicía o meu ex amigo, e supoño segue dicindo como convinte escudeiro de certos prohomes que camiñan sós na súa verdade e queren que non o pareza, facíaseme poético; sempre pensei que era como un diletante inverso que cohabita nun mundo de sabios que non comprenden o seu propio coñecemento.

Pero, aló no fondo, tiña razón, estaba no certo! A paisaxe dun crepúsculo de grupúsculos só pode anunciar Finisterraes en forma de solpor de días que profetizan noites moi negras…

Ainda así, Non importa!, que noites moi negras houbo sempre e ao final amenceu nunha volta de man ou nos désemos conta.

É posible que haxa un monstro gris na cociña, unha venda que me tape os ollos e unha man que me agarre o pescozo até impedirme espertar… pero non estou de acordo!

De forma natural e sen espaventos, socialmente a Identidade Galega está por todas partes e maniféstase como un feito incuestionable e irredutible; quizais porque é salvaxe na súa natureza, aínda que sexa paciente e sumisa en aparencia, nunca necesitou de Mesías porque está sempre disposta a florecer en canto haxa unha xeración que a cultive, cóidea e réguea.

A Matria, a miña Nación e a miña Terra, fala desde os seus aparentes silencios; e faino nunha linguaxe de tempo presente… procurando ouvidos que non sexan xordos, cerebros útiles e corazóns pacientemente impacientes.

A esa Matria, á miña Nación e á miña Terra, enténdeselle perfectamente se escoitaselle con atención e baleirando o necesario os vasos ideolóxicos -quizais excesivamente cheos- para que caiba o que nos di -e ás veces suplica- que fagamos por Ela.

Esa Matria, sempre a miña Nación e a miña Terra, avoga por enterrar con honras máximas os ósos, tanto de persoeiros como de “pensares” e “haceres” ou “yaceres” de anteriores épocas… porque necesita campos e horizontes polos que camiñar lembrando, pero sen que o recordo sexa unha eiva nin os osarios convértanse en Santas Compañas as que xa non exorcizan nin os cruceiros.

Ela, a miña e a nosa Matria e Nación, preguntouse mil veces se o corpus ideolóxico é un catalizador eficaz para unir as individualidades minifundistas nunha Liga que – no canto de falar de caciquismo ou de lamentarse en cada esquina que atopa- de verdade recoñeza a súa condición fértil, seméntea, cultívea, réguea e recolla exitosamente a colleita.

Por iso, Ela, a miña e a vosa, esixe que dunha vez empécese a casa polos cimentos, que se cre un Plan Director con medidas concretas e precisas para que pague a pena desempoar os arados, as fouces e petas, un “corpus” operativo claro e conciso, pragmático, esixente e intelixente que “Constitúa” o Estado da Nación sen ter que erguer muros nin fronteiras e tendo en conta que, a nosa, é unha Identidade Pan-nacional tanxible e non un patrimonio inmaterial que ten que conservar a Unesco.

Ou iso ou a colleita de crepúsculos sementada polos grupúsculos, que nacen e morren a efectos de inventario e deixando, para a historia que hai que deixar atrás, unicamente un reguero de frustracións máis ou menos honrosas pero sempre patéticas.

A ver se dunha vez a Matria, a nosa Nación e a nosa Terra, consegue superar o último crepúsculo e fai nacer un amencer que dure, para que poida sentirse sementada con sementes que vexan o sol –e tamén as lúas- máis aló dun chisquiño; á fin e ao cabo, a máxima aspiración da Matria é ver como se recolle a colleita e, con naturalidade, poder e descansar un anaquiño coa placidez de quen sabe que lle espera a continuidade de mil novas sementas e outras tantas colleitas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.