As plantacións de eucaliptos colapsan a biodiversidade galega

A prestixiosa revista científica Global Ecology and Conservation ven de publicar no seu número de xullo un artigo titulado Efectos das plantacións de eucaliptos na riqueza de especies de aves e de herbas no Noroeste de España. Os autores son seis investigadores das universidades de Santiago de Compostela e de Lund (Suecia), sendo a doutora Sandra Goded o investigador principal.

En Galicia os eucaliptais cobren actualmente unha superficie superior á do bosque autóctono, tal como recolle o Cuarto Inventario Forestal Nacional. Aínda que xa se coñecía que os eucaliptais afec- taban á biodiversidade, poucos estudos científicos teñen comparado o seu efecto nos diferentes grupos de seres vivos e nos distintos aspectos da biodiversidade.

Os autores desta investigación analizaron durante o ano 2017 a riqueza e abundancia de aves e de plantas herbáceas comparando entre si 14 parellas de parcelas de bosque autóctono e de eucaliptal. O estudo realizouse na comarca da Ulloa, nunha zona de 421 km2 de extensión no que existe un mosaico agroforestal heteroxéneo cuberto de arborado nun 46 %, estando presentes tanto espe- cies nativas coma plantacións de especies exóticas.

A investigación demostra que os eucaliptais reducen a biodiversidade en comparación cos bosques autóctonos. Por unha banda substitúen as especies de plantas herbáceas presentes nas fragas por outras distintas e con menor variedade. Pola outra, unicamente son capaces de albergar un sub- conxunto das especies de aves atopadas nos bosques autóctonos. Aparte de localizar neles menos especies, hai que salientar que o número de exemplares observados era soamente a cuarta parte dos vistos nas fragas. As peor paradas son as aves especializadas en hábitats forestais que aniñan nos ocos das árbores.

Os autores resumen o seu traballo concluíndo que as plantacións de eucaliptos son un hábitat moito máis pobre que o bosque autóctono en canto a número de especies de plantas e de aves, ademais de confirmar que albergan unha cantidade moito menor de individuos no caso das aves. Os seus resultados concordan cos estudos doutros investigadores que apuntan a unha homoxeneización biótica e a conseguinte perda de biodiversidade.

Tendo en conta o incremento de superficie destinada a plantar eucaliptos en Galicia, que ademais leva aparellada a fragmentación do bosque autóctono, a inexistencia de medidas eficaces para con- servar as nosas fragas resultará nunha perda de biodiversidade galega en xeral e dos organismos especializados no bosque en particular.

Consecuencias para a política forestal

Os resultados desta investigación veñen a rebater a información tendenciosa difundida pola indus- tria forestal máis desaprehensiva. Queda demostrado que Galicia non pode seguir incrementando a súa superficie destinada a eucaliptos se quere conservar o seu patrimonio natural e paisaxístico.

Neste contexto, a nova Lei de Patrimonio Natural, que comezou o seu debate parlamentario o pa- sado 24 de xuño, é desalentadora. Non contempla ningunha medida para deter o avance dos euca- liptos por todo o territorio galego. Tampouco incorpora medidas específicas para diminuír a súa presenza nos espazos naturais protexidos, nin sequera nas zonas de dominio público, como son os cantís costeiros, as marismas, as praias e as ribeiras dos ríos.

Un bo exemplo é o caso do Parque Natural das Fragas do Eume, paradigma de bosque autóctono, motivo polo cal a Xunta emprega repetidamente imaxes súas na publicidade turística. A nova lei non inclúe medidas que eviten a proliferación de eucaliptos no parque, nin mediante a redución das plantacións xa existentes nin tratando de impedir o avance espontáneo desta especie exótica invasora. As consecuencias deste desleixo, entre outras, é que dende o mosteiro de Caaveiro, co- razón do parque, non hai vistas libres desta árbore australiana.

A falta de ambición da nova lei maniféstase en moitos aspectos. Un deles é que con ela soamente se tería creado un parque natural en toda Galicia, o da Baixa Limia–Xurés. Efectivamente, Fragas do Eume non tería sido declarado parque, pois non supera a limitación dun mínimo de 10.000 hectá- reas de superficie para os novos parques. Obviamente, o actual goberno autonómico non quere que se declaren máis parques, pois non hai espazos naturais salientables que superen esa extensión dadas as características bioxeográficas do territorio galego e a actual fragmentación dos hábitats naturais.

Ante as numerosas evidencias científicas dos efectos negativos dos eucaliptais na biodiversidade, as entidades ecoloxistas reclaman que a nova lei recolla medidas tendentes a limitar a súa expan- sión por todo o territorio e que impulse a restauración do bosque autóctono nos espazos protexidos. En definitiva, reclaman unha lei que solucione os graves problemas que sufre o noso patrimonio natural, como son as especies exóticas invasoras, a desaparición dos humidais, o declive continuado das especies ameazadas, a destrución de hábitats e a emerxencia climática, entre outros, e non se limite a actualizar a vixente Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza, traducindo ó galego artigos da correspondente lei básica estatal

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 + 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.