Balseiro corrixe a Lara Méndez e sinala que a Xunta “é a única administración que inviste en Lugo”

Balseiro –que está disposto a un debate público coa alcaldesa- reta a que poña sobre a mesa obras realizadas polo Goberno local ou central na cidade e sinala que Méndez liderará o Executivo municipal con máis dedicacións exclusivas de Galicia “pensado non para a cidade, senón para eles mesmos”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, saíu ao paso das declaracións efectuadas pola alcaldesa da cidade, Lara Méndez, nas que aseguraba que existe unha discriminación a Lugo por parte do Goberno de Galicia, “unha afirmación falsa, que os feitos desmenten”. Balseiro corrixe á alcaldesa e lembra que a Xunta é a única administración que inviste en Lugo e proba dixo está en que a administración autonómica lidera as obras que se están a levar a cabo en áreas tan importantes como a educación, a sanidade ou a dotación de novos servizos, todas elas impulsadas desde o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo.

“A Xunta é a única administración que inviste en Lugo. Está en marcha a construción nun novo colexio no barrio do Sagrado Corazón e a remodelación integral de tres centros educativos: os colexios Luis Pimentel e o de Casás e o instituto Muralla Romana. Tamén a reforma da cuberta no IES Xoán Montes. Só a administración autonómica, non o Concello, inviste na rehabilitación da Tinería, centro histórico lucense, con obras que darán lugar a nove vivendas e novos proxectos de rehabilitación como os da Casa Torre. Están en execución as obras do cubo VII da Muralla, e tamén en marcha o proxecto máis ambicioso de Galicia para a creación de novos servizos sociais e sanitarios no barrio da Residencia: coa demolición do antigo Hospital Xeral e elaboración dun proxecto para unha nova residencia para persoas maiores, coa recente licitación do que será o primeiro centro integral de saúde de Galicia e coa futura oficina central de emprego e formación”

E iso se falamos de presente e futuro, porque tamén a Xunta foi a administración que protagonizou os principais investimentos nos pasados catro anos: coa apertura da nova escola infantil de Garabolos, novos servizos para o Hospital Lucus Agusti, a dotación do equipamento do auditorio, que está a piques de rematar, ou coa rehabilitación de catro cubos da Muralla e o sostemento dos principais edificios públicos da cidade: biblioteca, conservatorio de música e danza, escola de idiomas, dos centros de saúde…

Méndez nin fai, nin deixa facer

Segundo Balseiro unha afirmación como a que fixo a alcaldesa non ten consistencia algunha e tan só pode facela alguén que vive allea ao que acontece na súa cidade. Nesa liña reta á Lara Méndez a que poña sobre a mesa algunha obra promovida polos gobernos socialistas local ou central nos últimos meses en Lugo, lonxe de maquetas e promesas que nunca chegan a facerse realidade, e está disposto incluso a confrontar esta posición nun debate público ao que reta á alcaldesa.

Para Balseiro, o empeoramento dos resultados do PSOE no concello de Lugo demostran que a veciñanza pasou factura da mala xestión da alcaldesa na pasada lexislatura ata o punto de que non só foi un goberno local caracterizado pola parálise, senón que ademais, intentaba boicotear ou retrasar no tempo os proxectos que impulsaban desde a Xunta. O Goberno galego atopouse con dificultades para conseguir as licenza de obra en proxectos tan importantes como o de construción do novo colexio Sagrado Corazón ou as obras de rehabilitación da Tinería, ou incluso para obter o permiso de limpeza da Muralla que o Concello deu cando xa non era posible aplicar os herbicidas, co consecuente prexuízo para o monumento.

Balseiro lamenta que o discurso de Méndez ao inicio da nova lexislatura local volva a ser facer uso do “vitimismo sen fundamento” e reclama que en vez de buscar a confrontación institucional “poña as pilas e empece a traballar pola cidade e deixar que os demais fagan o propio, sen atrancos”.

O Goberno municipal con máis dedicacións exclusivas das grandes cidades

O delegado considera que se o Goberno local de Lugo, como todo parece indicar, vai a ser o que máis dedicacións exclusivas terá no conxunto das grandes cidades de Galicia, aplique ese desproporcionado gasto en facer mellor as cousas. Lembra que en Lugo 12 dos 13 concelleiros de goberno estarán a soldo do Concello con dedicación exclusiva, un número idéntico ao de conselleiros do Goberno de Galicia e incluído o seu presidente, pero manexando un orzamento cen veces inferior. Nese senso insiste en que Méndez “fixo un Goberno municipal para eles, e non para resolver os problemas da cidade”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres + 16 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.