Cadernos da viaxe. Un proxecto de País, un proxecto social. Por Xoán Antón Pérez-Lema

Falta no galeguismo político un proxecto de país que, ao tempo, constitúa un proxecto para as maiorías sociais, como si existía no Partido Galeguista no 1932-1936 e no BNG nos 1997-2009. Ou, na actualidade, no PNV, no escocés SNP ou no galés Plaid Cymru.
PNV, SNP e Plaid Cymru propoñen arestora proxectos claramente nacionais e soberanistas, mais fondamente inclusivos (migrantes de calquera etnia, nacionais retornados), ben alicerzados nos valores do desenvolvemento sostíbel e na igualdade. Propoñen proxectos sociais onde o precariado e as persoas máis vulnerábeis están no foco dos servizos sociais sen deixar de apoiar o emprendemento empresarial e o incremento da prosperidade. Países autocentrados económicamente e socialmente xustos.
A cidadanía galega vive os seus problemas dende o recurte dos servizos públicos, as fragmentacións e localismos fomentados dende os Poderes e dende a atribución de culpabilidades aos que son febles ou diferentes. No noso País temos moitos problemas graves, dende a consunción demográfica, a irrelevancia económica, a emigración da nosa mocidade máis cualificada ou a perda da nosa lingua e cultura. É evidente que só dende un galeguismo político, transversal e de forte contid social se lle pode dar resposta a estes problemas. Mais o que hai hoxe, despois de dez anos de queda e implosión galeguista, non pode-aínda- nin construir nación, nin facer a xustiza social, nin ser gañador.
A boa nova é que estes parámetros serían subscritos polas maiorías sociais galegas, por máis dun 30% da cidadanía, se o galeguismo político fose quen de dar coa linguaxe para ofrecer este duplo proxecto nacional e social. Promotor do desenvolvemento económico, nomeadamente industrial, mais dende a sostibilidade ecolóxica. Afirmante da soberanía nacional galega aproveitando as sinerxias estatais, europeas, lusófonas e iberoamericanas. Construtor dunha sociedade de servizos sociais avanzada que arrumbe coa pobreza e co precariado, ao tempo que agasalle o emprendemento empresarial que saiba xogar na normativa ambiental, fiscal e social propia dun país europeo avanzado.
O galeguismo político é o único sector ideolóxico que pode conxugar estes principios nacional e social e ofrecermos un proxecto para a Galicia do futuro. Mais para chegar aló compre integrar aínda moitas sensibilidades e moitos sectores. Cómpre moita intelixencia e moita xenerosidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.