CCOO insta a Xunta a «non sacar peito» cos datos do paro rexistrado e lémbralle que «a precariedade non é unha opción»

Os datos do paro rexistrado continúan a amosar unha diminución do desemprego, «como era de agardar» na época estival, sinala CCOO. Porén, o sindicato insta o presidente Feijóo a «non sacar peito» con estes datos e lémbralle que «a precariedade non é unha opción». Segundo as cifras oficias, no último mes rexistráronse 98.785 contratos e só 6787 novas afiliacións á seguridade social. Isto é, foron necesarios 14,5 contratos para cada nova afiliación, un dato peor ca no mes de maio (12,18). «Con este modelo de contratación, dificilmente podemos dicir que Galicia estea a crear emprego», sinala a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza.

«A precariedade aumenta mes a mes e concéntrase no sector dos servizos», reprocha Bouza. Na súa opinión, os postos de traballo creados no último mes, polo seu carácter precario, «mal se poden chamar emprego, porque emprego é algo que permite crear un proxecto de vida digno». Segundo a sindicalista, se a Xunta non toma medidas e continúa a dar por boa esta situación, «Galicia será máis pobre e medrará a Galicia exterior».

Asemade, Bouza salienta que o emprego precario non só prexudica a quen o padece, senón ao conxunto da sociedade, pois os menores salarios tamén implican menores cotizacións e, polo tanto, un peor salto para a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Análise do paro rexistrado

No mes de xuño diminuíu o paro rexistrado en 5556 persoas respecto ao mes de maio (−3,46 % fronte ao –2,07 % na media do estado) e en 14.816 en comparación co mes de xuño de 2018 (–8,71 % fronte a –4,63 % na media do estado).

Así pois, o mes de xuño deste ano rematou con 155.249 persoas desempregadas nas oficinas do servizo público de emprego: 90.351 mulleres (o 58 % do desemprego) e 64.898 homes. Por grandes grupos de idade, 6.902 persoas eran menores de 25 anos e as restantes148.347 tiñan 25 ou máis anos.

En proporción, o paro rexistrado baixou máis nos homes ca nas mulleres, tanto na comparación mensual (2335 parados menos; –3,47 % fronte a 3221 paradas menos; –3,44 %) coma na anual (6907 parados menos; –9,62 % fronte a 7.909 paradas menos; –8,05 %).

Por grandes grupos de idade, hai 797 menores de 25 anos menos en paro que no mes anterior (−10,35 %) e 4759 menos no tramo de maiores desa idade (−3,11 %). Na comparación anual, en proporción, tamén é maior a diminución do paro rexistrado entre as persoas máis novas.

No último mes, o paro rexistrado baixa en todos os sectores de actividade e o maior descenso, en proporción, dáse na agricultura e no colectivo sen emprego anterior: hai 304 persoas paradas menos na agricultura (–5,17 %), 559 no colectivo sen emprego anterior (–3,94 %), 3763 nos servizos (–3,44 %), 563 na industria (–3,1 %) e 367 na construción (–2,8 %).

Análise da contratación

Os datos de contratación proporcionados polo servizo público de emprego poñen de manifesto que se están facendo «contratos precarios, moi ligados á tempada e de duración moi curta». No mes de xuño rexistráronse 98.785 contratos. Deles, son temporais 91.288 (o 92,41 % do total) para só 6787 afiliacións máis; isto, a xuízo do sindicato, proba a «escasa» duración dos contratos rexistrados.

En relación co mes de maio de 2019 formalizáronse 3.583 contratos máis pero deses só dez foron indefinidos. En termos anuais descende en maior proporción a contratación indefinida que a temporal: 786 contratos indefinidos menos (–9,49 %) e 4099 contratos temporais menos (–4,3 %).

Afiliación á seguridade social

No mes de xuño había 1.025.192 persoas afiliadas á seguridade social en Galicia. Son 6787 afiliacións máis ca no mes de maio (+0,67 %). Ese incremento é superior ao rexistrado na media estatal (+0,67 % fronte ao +0,39 %). Por réximes, son 6161 afiliacións máis no réxime xeral (inclúese réxime agrario e do fogar), 454 máis no de autónomos e 173 máis no do mar.

En termos anuais, en proporción, continua medrando menos a ocupación en Galicia ca na media estatal: 18.693 afiliacións máis en Galicia (+1,86 % fronte a +2,69 % na media estatal). Para alcanzar o nivel de ocupación que había no 2008 (tómase como referencia tamén o mes de xuño) faltan por recuperar 56.790 afiliacións.

Prestacións por desemprego

No mes de maio de 2019 había 84.876 persoas percibindo unha prestación por desemprego e representaban só o 57,9 % das persoas paradas con experiencia laboral.

As prestacións asistenciais superan as contributivas. A repartición das prestacións por desemprego segundo a modalidade no mes de maio de 2019 era a seguinte: 41.224 percibían un subsidio por desemprego (representan case o 48,57 % do total de prestacións), 36.622 contributivas (o 43,15 % do total), 7027 a renda activa de inserción (o 8,28 %) e 3 correspondían ao programa de activación de emprego.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.