@galizaCIG Os datos do paro rexistrado de xuño confirman que a precariedade xa é o elemento que define o mercado labora

Un mes máis, os datos do paro rexistrado evidencian como a precariedade xa é o elemento que define o mercado laboral: no mes de xuño asináronse en Galiza 98.785 contratos malia que a baixada do desemprego foi de 5.556 persoas. Esta brutal disparidade dá boa conta do alcance da temporalidade e da mala calidade do emprego que se está a xerar, puramente estacional, con baixos salarios, de escasísima duración e na maioría dos casos ligado ao sector servizos.

A CIG leva anos alertando das consecuencia das reformas laborais impostas polo PSOE e o PP, que tiñan como único obxectivo deteriorar as condicións laborais e facilitar e abaratar o despedimento. Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiterou a necesidade de derrogar de inmediato as reformas antiobreiras “porque cada día que sigan en vigor estenderase máis entre a clase traballadora galega a precariedade, a pobreza laboral, os baixos salarios e a perda de poder adquisitivo”.

Carril subliña que ao deterioro do mercado laboral hai que sumar a grave crise industrial que atravesa en Galiza, onde o peche e a deslocalización de empresas están á orde do día. De feito, o pouco emprego que se xera no noso país ten carácter estacional e está ligado ao sector Servizos. Así o confirma o feito de que o 82% dos contratos asinados en xuño inscribíronse nalgunha das actividades deste sector e que do total de 98.785 contratos, só o 7.6% se fixeron baixo algunha das modalidades da contratación indefinida, mentres que o 92.4% foron de carácter temporal. 

“Ou logramos reverter esta situación ou camiñamos cara a unha situación social sen saída”, advirte Carril, quen denuncia a negativa do Goberno de Pedro Sánchez a derrogar as reformas laborais, limitándose a facer modificacións mínimas e insuficientes que impiden avanzar cambios estruturais no mercado de traballo.

Evolución do mercado de traballo habitual nesta época

Así as cousas, xuño rematou con 155.249 persoas rexistradas como paradas no SEPE en Galiza, un 3,46% menos que no mes de maio. No relativo aos datos de afiliación á Seguridade Social, incrementouse nun 0.7%, seguindo a tendencia de anos anteriores nesta época, acadándose as 1.025.192 persoas afiliadas. “Estamos pois, ante unha evolución previsíbel, habitual neste mes, onde a campaña de verán marca o ritmo do mercado de traballo, polo que non se aprecian cambios estruturais que nos permitan ser optimistas cara ao futuro”.

Nesta liña, o secretario xeral apunta que, fronte aos augurios de patronal e institucións económicas como o Banco de España, o incremento do SMI non está tendo unha repercusión negativa no emprego. Porén, a CIG defende que esta suba continúa sendo insuficiente e que o salario mínimo interprofesional debe ser cando menos o 60% do salario medio, tal e  como recomenda a Carta Social Europea.

Atallar a emigración

A precariedade e a ausencia de expectativas, engade Carril, fomentan tamén que a emigración continúe a ser a única alternativa que atopa a mocidade galega para non ter que acceder a empregos de días ou semanas, con baixos salarios e con apenas dereitos para poder sobrevivir. De feito, resalta que os datos do desemprego “serían moitísimo máis demoledores se tiveramos en conta a toda a mocidade que emigrou nos últimos anos por non ter traballo”. Fronte a isto, esixe do Goberno español e da Xunta que poñan en marcha políticas industriais que xeren emprego de calidade e que permitan á mocidade non ter que coller o camiño da emigración na procura dun emprego e unha vida digna fóra de Galiza.

De igual xeito, Carril demanda medidas para atallar o risco de exclusión social das persoas desempregadas, xa que tan só o 52% perciben algunha prestación e destas, a maioría reciben o subsidio de desemprego. “É imprescindíbel que se articulen medidas que eviten que as persoas desempregadas que non perciben ningún ingreso camiñen cara unha situación de pobreza extrema”, asevera

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.