Máis de cen psicólogas/os fórmanse na intervención en menores vítimas de violencia de xénero

Máis de cen psicólogos e psicólogas especializadas na intervención en violencia de xénero participarán este venres 5 e o sábado 6 de xullo en Compostela nun obradoiro sobre o seu labor con nenos e nenas que sufriron ou presenciaron violencia doméstica e de xénero

Esta formación vai dirixida á rede de terapeutas do Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres e os seus Fillos e Fillas que sofren ou sufriron Violencia de Xénero (PAPMVX), así como do programa Abramos o Círculo, para homes que desexan erradicar a violencia das súas relacións de parella; ambos programas conveniados coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Cristina Cortés e Javier Elcarte, profesionais da Psicoloxía e psicoterapeutas, serán as persoas responsables da docencia neste obradoiro. Ambos os dous dirixen o Centro de Psicoloxía da Saúde Vitaliza en Pamplona (Navarra), un centro especializado en trauma, apego e psicoloxía infantil. Ao longo dos dous días tentarán mostrar como intervir tendo en conta o trauma de apego, a neglixencia e a retraumatización por falta de habilidades cognitivas e sociais.

Abordarse unha dobre intervención en paralelo, por unha banda co neno ou nena e pola outra, coa familia, poñendo a énfase na importancia da psicoeducación á familia ao proporcionar información de como afecta o trauma de abandono no desenvolvemento dos seus fillos e fillas e información que lles axude a comprender o comportamento dos e das menores. Traballarase con casos con menores con trauma temperán expostos á violencia de familia e de xénero.

A xornada desenvolverase na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela na tarde do venres e ao longo de todo o sábado e forma parte do programa formativo anual que é de obrigado cumprimento para as psicólogas e psicólogos que integran esta rede.

Atención psicolóxica especializada 

Os programas que se veñen desenvolvendo desde o Colexio Oficial de Psicoloxía a través dun convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia buscan ofrecer uns recursos especializados de elevada calidade para evitar a agresividade na parella e abordando a problemática da violencia de xeito integral, para que tanto o agresor como a vítima saian da espiral na que están inmersos e non recaian en situacións semellantes.

Abramos o Círculo é un programa que ofrece atención psicolóxica especializada e de apoio a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, ao que recorren voluntariamente homes que desexan mudar esta situación e eliminar a agresividade na súa relación coa familia e en especial, coa súa muller. A través deste programa, un total de cincuenta e seis terapeutas ofrecen información e tamén atención psicolóxica personalizada con dous obxectivos. Por unha banda, previr a violencia de xénero, e pola outra, ofrecer atención e terapia a aqueles homes que queiran aprender a resolver conflitos sen violencia, e a comunicarse dun xeito máis adecuado coa súa familia, e en particular, coa súa parella.

O segundo dos programas que se recolle neste convenio é o de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. Oitenta e nove terapeutas por toda Galicia constitúen unha rede amplísima de asistencia que pode atender en menos de 48 horas a calquera muller que o solicite na súa localidade, e ao igual que no anterior programa, coa vantaxe de acudir gratuitamente a un despacho privado que non a identifica como vítima de violencia de xénero e que lle garante a privacidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + diez =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.