Nova mobilización veciñal e ecoloxista en defensa da Serra do Oribio, ameazada por un parque eólico proxectado hai máis dunha década

Veciñanza de Samos e Triacastela co apoio de distintas asociacións, entre elas ADEGA, concentrouse diante das Casas do Concello este pasado sábado día 6. Houbo tamén unha andaina e un xantar popular no cordal da serra, a carón dos espazos afectados polos traballos ilegais desenvolvidos o mes pasado, agora paralizados

A defensa dos valores paisaxísticos, ambientais e patrimoniais da Serra do Oribio (ou do Iribio), e a exixencia de que se paralice definitivamente o parque eólico que impulsa no alto destes montes desde hai máis dunha década a empresa Fergo Galicia Vento, volveu xuntar este pasado sábado 6 de xullo veciñas e veciños e diversos colectivos ecoloxistas nunha mobilización que, como a de hai dúas semanas, comezou pasado o mediodía diante da Casa do Concello de Samos, primeiro, e diante da Casa do Concello de Triacastela media hora máis tarde.

A nova xornada lúdico-reivindicativa, organizada pola A.C. O Iribio, contou co apoio de ADEGA, así como da Plataforma Sarria polo Río, Equo Galicia, Plataforma Galega de Defensa Animal, Anonymus Lugo e Lugo Animal Save. Á mobilización acudiu tamén xente procedente doutras comarcas galegas, como Bergantiños, Compostela ou a Costa da Morte, onde outros proxectos eólicos tamén ameazan paisaxe, medio natural e patrimonio.

O mes pasado veciñanza da zona e ADEGA denunciaban perante o Seprona de Lugo, as Consellarías de Medio Ambiente e Cultura, os Concellos de Samos e Triacastela e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta que se estaban a realizar na serra traballos con maquinaria pesada sen que houbese licenza de obra concedida e sen que a tramitación precisa para o parque eólico, reactivada a pedimento de Fergo Galicia Vento en 2018 após unha década paralizada, estea concluída. A orde de paralización cautelar dos traballos, que chegaría o 18 de xuño a través dun medio de comunicación, non impediu que as obras destruísen xa un treito do Camiño Real de Vilafranca a Monforte, ben patrimonial inventariado, ou ameacen seriamente outros elementos como ventas, neveiros, ou medorras como a do Fial ou a de Camporrapado.

A xornada reivindicativa do pasado sábado incluíu tamén, ademais das concentracións, un ascenso simbólico á serra e unha andaina a pé, e posterior xantar popular, xunto á zona máis afectada polos traballos ilegais do mes pasado, agora paralizados.

Veciñanza e colectivos presentes na mobilización coinciden, de novo, en exixir da Xunta de Galiza acceso a toda a información solicitada arredor da reactivación dos trámites para a instalación dun parque eólico que é considerado como radicalmente incompatíbel cos valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos dun espazo, a Serra do Oribio, catalogado como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais, parte da Rede Natura 2000 e da ZEC Ancares – Courel e, así mesmo, comprendida no proxecto de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra – Courel e no Plan de recuperación do oso pardo cantábrico.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

7 + 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.