O alcalde de Cabana visitou o Centro de Recursos Íntegro para comprobar as melloras executadas no centro

O mes de xullo arrincou en Íntegro coa visita institucional do alcalde de Cabana, José Muíño, que se achegou ata o Centro de Recursos de Nantón tras recibir a invitación de INTEGRO para coñecer de primeira man as necesidades actuais da entidade e saudar aos seus usuarios/as. O rexedor, que acudiu acompañado polo concelleiro de obras Carlos Allo, foi recibido onte á mañá polo presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora Noelia Barreira. Durante o percorrido estiveron tamén presentes o tesoureiro, Silvestre Couto, e a xerente da empresa de xestión social Máis Porvir, Sandra Caamaño.

Unha das primeiras paradas da visita tivo lugar no exterior do Centro de Recursos coa finalidade de supervisar as obras de remodelación levadas a cabo na fachada da edificio con cargo ao programa FOIE da Deputación da Coruña, destinado a entidades sen fins de lucro, e coa co-financiación da Xunta de Galicia, xestionada por COGAMI a través dos fondos do 0,7% do IRPF destinados a fins sociais. A execución da 2º fase do proxecto de formación de fachada ventilada, levada a cabo no primeiro trimestre do ano, veu a sumarse aos traballos iniciados a finais de 2017 para a reparación e acondicionamento integral da fachada exterior das instalacións de Nantón coa que, ademais de mellorar notablemente a súa imaxe, logrouse proceder ao illamento térmico e acústico da fachada de cara á obtención dun maior aforro enerxético e unha ventilación natural máis eficaz.

Así mesmo, a comitiva tamén se achegou ata Centro Especial de Emprego para ver a nova maquinaria que vén de adquirir a empresa de xestión social, a través dunha subvención para investimentos en activos fixos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a realización de traballos de limpeza e mantemento así como de xardinería. Tanto o alcalde como o concelleiro de Cabana aproveitaron a súa estancia en Nantón para conversar cos usuarios/as e interesarse polo traballo que desenvolven nos diferentes talleres.

Pola súa banda, o presidente de Íntegro trasladou ás autoridades locais ás novas necesidades do centro. Entre as máis inmediatas, Adolfo López Baña destacou a posta en marcha da 1ª fase do proxecto de renovación da cuberta, actualmente á espera da resolución definitiva do programa FOIE 2019 da Deputación da Coruña. A ampliación dos baños e a renovación dalgúns elementos do mobiliario (portas…) para adaptalos ás necesidades específicas dos usuarios/as completaron as demandas que a entidade agarda poder facer realidade entre este ano e o que vén.

Neste senso, o alcalde de Cabana comprometeuse a seguir colaborando con Íntegro e Máis Porvir e seguir traballando conxuntamente para mellorar a calidade de vida e a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.