O Concello de Ourense pon en marcha un plan de limpeza nos barrios

O Concello de Ourense pon en marcha un plan intensivo de limpeza viaria. Froito da reunión mantida o pasado 15 de xullo entre o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, e o comité de xerencia da empresa concesionaria da limpeza, Ecourense UTE, esta presentou un programa de actuacións que comeza por incrementar a súa presenza nas rúas e por implementar un calendario de actuacións nos diferentes barrios da cidade.

Así, a concesionaria despregou a súa maquinaria lixeira para unha limpeza intensiva das zonas turísticas e de lecer da cidade, e aumentou a frecuencia de limpeza de contedores para evitar malos cheiros. A maiores, levarase a cabo un plan intensivo nos barrios da cidade, que dará comezo as noites dos mércores aos xoves do mes de agosto, acometendo limpeza de beirarrúas, zonas peonís, zonas de xogos infantís e alcorques, eliminación de manchas e carteis nas paredes e outros elementos do mobiliario público, sumidoiros, etc.

Colaboración cidadá
A primeira das zonas na que se actuará será a das Camelias, cara ao centro histórico e O Couto. Para iso, a empresa solicitou a colaboración da Policía Local e a dos propios veciños, para que non estacionen nas rúas nas que se vaia actuar cada día. Do 7 ao 8 de agosto, rúas Dr. Flémming, Parada Justel e Reza; do 13 ao 14 de agosto, rúas Irmáns Xesta, Fernández Bordas, Meco; do 21 ao 22 de agosto, rúas Eladio Rodríguez, Carriarico, Antonio Jaunsarás, Pascual Veiga, e Aturuxo; e do 28 ao 29 de agosto, rúas Camelias, Gaiteiro, Fiadeiro, Zanfona e praza do Magosto.

O concelleiro Jorge Pumar agradécelle á empresa concesionaria “o esforzo por acoller con tan boa actitude a demanda solicitada ao comité de xerencia”, xa que estas accións “redundan nunha cidade máis limpa, máis verde e máis sostible”, asegura. Pero ademais, “axuda a mellorar a percepción dos cidadáns sobre a súa propia cidade”, di. “Queremos seguir construíndo un Ourense. entre todos, do que nos poidamos sentir orgullosos e poder presumir”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.