O mellor alcalde, o rei. Por @DulceCorcu

Cando Lope de Vega escribíu a obra de teatro “O mellor alcalde, o rei”, alá polo século XVII onde un pobre honrado, un noble vilano e un rei que impartía xustiza polos poderes que lle outorgaba a súa linaxe e goberno absolutista (ambientada en Galicia, por certo), Abel Caballero aínda non era alcalde de Vigo nin presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), nin tampouco tiña sequera nacido, lóxicamente, pero probablemente reflicte o seu pensamento actual, pese a que nestes tempos se algunha honra hai que repoñer é a real, sacudida por maremotos de corrupción, fortunas de pulsera roxigualda pero pasaporte suizo e asuntos de alcoba que non desmerecen a calquera antepasado da saga borbónica.

Vén a conto todo isto porque por primeira vez o presidente da FEMP foi recibido en consultas na Moncloa, incluído no lote dos presidentes autonómicos. Aproveitando a estadía en Madrid e co gallo do corenta aniversario das primeiras eleccións municipais, Caballero recibíu na sede principal dese organismo que preside, ao rei Felipe VI, como se sabe alguén moi acreditado en procesos electorais, para facerlle entrega do bastón de mando e as chaves do municipalismo coma mostra de agradecemento pola súa “sensibilidade”. Sí, a campechanía do Borbón de toda a vida, sempre a carón das necesidades dos seus súbditos. Sen ir máis lonxe esta mesma semana en Barcelona, reunido de cea cos empresarios cataláns mentres a cercana Tarragona ardía polos catro costados. A súa maxestade non tivo tempo de desprazarse para interesarse polos exhaustos bombeiros e traballadores que pasaron días e noites tentando extinguir o implacable incendio, nin pola veciñanza que tivo que evacuar as vivendas. O único fume que cheirou foi os dos Montecristo na hora do café, probablemente, pero iso non lle resta nada da sensibilidade que pregona Caballero, por suposto. Tamén, coma non podía ser doutro xeito, o seu discurso posterior á entrega dos trofeos municipais, foi do máis rico e innovador en matices e frases de auténtico filósofo ou erudito: “España son sus pueblos y sus ciudades, sus provincias y comarcas, su historia, su cultura y sus paisajes, pero sobre todo sus gentes y sus ciudadanos”. Que non se diga que non amortiza a educación recibida neses colexios que lle pagamos a el pero ao que nunca poderemos mandar aos nosos fillos ou fillas, que serán moi honrados pero igual de pobres que  o agricultor da obra de Lope.
Abel Caballero non podería elixir mellor destinatario para conmemorar unha data electoral, é obvio. Despois de todo, o alcalde vigués tamén ten o seu propio paradigma, encarnado nese socialismo moderno e tan abundante que bica mans de bispos e reises con absoluta normalidade, non coma eses outros compañeiros e compañeiras que pasaron media vida -e ás veces perdérona no intento- combatendo a ambos. Eran outros tempos onde teimas como a ideoloxía e os principios movían o mundo. Agora, hai que ser “sensible” e saír na foto non co rei que castigaba ao vilano, senón co herdeiro do mesmísimo vilano. Nin en tempos de Lope de Vega, que cousas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.