Rufián. Por @DulceCorcu

Acaba de consumarse a segunda investidura fallida de Pedro Sánchez para ser presidente do goberno español. O grupo socialista, incapaz de chegar a acordos con forzas de esquerdas porque probablemente non sexan de esquerdas, como deixara patente o seu apoio a Rajoy cando se víu na mesma situación que el hoxe, ou ben cando non tivo maior problema en secundar tamén a Rajoy no fatídico artigo do 155 en Catalunya, amén da modificación do 135, con nocturnidade e alevosía para maior gloria dos poderes económicos. Se todos os camiños conducen a Roma, os do PSOE inevitablemente transitan por calquera beirarrúa menos pola da man esquerda.

E no medio desta decepción, deste balbordo de políticos incapaces de estar á altura mínimamente coma xa teñen amosado infinidade de veces, rexurde un Gabriel Rufián (ERC) chamando a algo tan sensato coma poñerse de acordo e impedir o que estamos a ver en comunidades coma Andalucía, onde o pacto de dereita e ultradereita arrasa con leises que tanto custou conquistar, e pretende retrotraer a toda unha sociedade a tempos de palio e mantiña española. Rufián é consciente de que eles, os tres xinetes do apocalipse, xa están rindo polo baixo e fregándose as mans, agardando coma hienas que os cadáveres queden expostos para lanzarse aos despoxos. O político de Esquerra, habitualmente tildado de bufón e carne de críticas cavernarias, espertou hoxe a admiración incluso dos seus inimigos naturais: os presuntos “constitucionalistas” que cada día teñen “golpista” nos beizos para referirse a el e ao seu partido. Rufián é un político de convicións, non alguén posto para contentar a determinados poderes fácticos que o poidan manexar, pero sabe en que augas navega, e nelas o PSOE é o mal menor. Porque ninguén dubida que a primeira medida de urxencia do trío de Colón se chega á Moncloa será un novo 155 a aplicar en Catalunya, de duración incerta e efectos coñecidos. Non importará que sexa inxusto ou ilegal, antes de que haxa unha resolución xudicial -sen contar se ten que pasar polas mans dalgúns xuíces que só traballan para a causa nacionalcatólica- pasarán anos e entón xa haberá moito perdido.
Gabriel Rufián fixo o seu descurso abrumado polo que pode estar a piques de pasar. Quizais nunca pensou ter que deixar de lado as malleiras do 1O ou os agravios que sofre en cada sesión parlamentaria, nin en que tivese que esquecer por uns intres aos seus compañeiros na cadea imputados por uns delitos que non atisban a ver en ningún outro Estado da Unión Europea, pero que en España a aqueles ataques de avións de papel e aquela xente sentada berrando “votarem”, deron en chamar “rebelión distinta”. Finalmente, todo se reduza a que, coma en tantas outras cousas, Catalunya sempre vai por diante de España. Mal que pese a moitos e moitas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

once + 15 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.