Se bebes, non violes. Por @DulceCorcu

A poucas semanas da sentenza na que o Tribunal Supremo incrementaba a pena da “Manada” de Pamplona a quince anos e condeaba por violación e non por abuso, e mentres ve a luz outro caso doutra moza presuntamante violada en Manresa e gravada por sete homes con só catorce anos; mentres nunha vila de Mallorca catro mozos son detidos por presunta violación a unha moza  e dous en Barcelona polo mesmo. Mentres todo isto acontece ao noso arredor, con absoluta cotidianeidade e frecuencia, chega un presentador da RTVE, a que pagamos todos, para acusar destas condutas ao alcol e a un mero “accidente” polo ambiente multitudinario e festivo. Porque obviamente o normal é acabar as troulas violando a algunha incauta que pase por alí. 

Javier Solano é o redactor que fixo estas afirmacións no programa Los DesayunosTVE presentado por Xabier Fortes, que non foi quen de rebatir esas noxentas verbas en directo e un día despois, vía Twitter, tivo que facer unha desculpa pública despois do balbordo e reacións á disparatada intervención do señor Solano. Porque custa moitísimo loitar contra o machismo, avanzar mínimamente, para que chegue un medio, para máis escarnio público, dando voz a quen fai retroceder toda esa loita en só dous minutos. Moita xente bebe nas festas e non por iso comete delitos de ningún tipo, moito menos agresións e violacións contra ningunha muller, ás veces somentes nenas, das que abusan aproveitando a súa vulnerabilidade. Nunca é un accidente, é a actitude de machistas en potencia, que se envalentonan en grupo e consideran que o seu desfrute está por enriba de calquera necesidade de consentemento. Javier Solano, co seu descurso, só consegue normalizar o dos agresores, deixando á vítima indefensa, coma un dano colateral dos gin tonics. Sen chisco de empatía nin de capacidade para entender o que debe significar ser violada por varias bestas á vez, independentemente do que tomaran previamente.
Por desgraza, as desculpas sempre chegan tarde. Ninguén en directo ousa reaccionar e afear esas condutas, deixando que o pouso cale e se expanda, que non se cuestione o infundado desas barbaridades. Só a inmediatez das redes sociais saca as cores aos protagonistas, coma en tantísimos outros casos, e obriga a que polo menos asuman a desfeita. Cada ano increméntanse en España o número de denuncias por violación, segundo os últimos datos, unha cada cinco horas. Ou moitos borrachos hai soltos, ou temos un inxente traballo por diante para combater o machismo diario, con multitude de asociacións e particulares que tentan que ser muller non implique ser vítima. Custa moito, demasiado, para que teñamos que soportar a un home na televisión cuspindo mensaxes que fan desa loita un mero “accidente”. Quizais o único accidente sexa enchufar a televisión.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce + dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.