UGT entrégalle en Viveiro a Rogelia Mariña o galardón ao “Premio 8 de Marzo” que non puido recoller en Madrid no seu momento pola negativa da dirección de Sargadelos a darlle permiso

Ao longo da mañá do día de hoxe, 9 de xullo, tivo lugar na sede de UGT emprazada no municipio lucense de Viveiro o acto de entrega do galardón ao “Premio 8 de Marzo” de UGT a Rogelia Mariña. Lembrar que o acto de entrega deste premio celebrouse na sede de UGT en Madrid o pasado 4 de marzo na XXIV edición destes premios, pero que neste momento Rogelia Mariña non puido acudir a recollelo pola negativa da dirección de Sargadelos a darlle permiso.

Por iso, o Sindicato tivo que agardar a que Rogelia comezase a desfrutar do seu período vacacional para poderlle facer entrega do “Premio 8 de Marzo” de UGT confederal como recoñecemento á súa traxectoria sindical de máis de 30 anos como delegada de UGT, traxectoria que nestes últimos anos converteuse nunha auténtica situación de persecución sindical, recoñecida recentemente polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nunha sentenza que estima que existe unha vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical de Rogelia e do Sindicato UGT por parte do administrador único e por parte da propia empresa. Ordenando a ambas partes ao cese inmediato do comportamento antisindical, con condena a que non se entorpeza nin se impida a actividade sindical das partes demandantes, Rogelia e UGT.

No acto de entrega do “Premio 8 de Marzo” que tivo lugar hoxe en Viveiro participaron, ademais da homenaxeada, os secretarios xerais de UGT-Galicia, UGT-FICA e UGT-Lugo-Lemos-Costa, José Antonio Gómez, Javier Carreiro e Ángel Tomé, respectivamente. Tamén estiveron acompañando a Rogelia numerosos compañeiros da comarca e da federación.

Convén lembrar como chegou Rogelia, despois de exercer durante moitos anos como delegada sindical sen ningún problema e sempre co respaldo maioritario dos seus compañeiros e compañeiras á ardua tarefa sindical realizada en defensa dos dereitos laborais de todos e todas, á situación actual. Foi cando Segismundo García accedeu como administrador único á fábrica de Sargadelos, despois de atravesar esta momentos económicos difíciles, non aceptou que a fábrica se continuase xestionando no eido das relacións laborais con criterios e principios propios dunha sociedade libre e democrática, como sempre se fixera.

A partir de aquí, Rogelia, que era a presidenta do Comité de empresa, converteuse na vítima directa das prácticas anacrónicas e persecutorias da dirección. Foi despedida por defender aos seus compañeiros e compañeiras, por ter esixido o cumprimento do convenio colectivo en todos os seus termos cando a empresa comezou a remontar economicamente. Despedimento que foi considerado nulo pola Xustiza que tamén condenou a Sargadelos  a indemnizar á vítima por danos morais. A partir de aquí as ameazas e coaccións sucédense, incluso ameazando e coaccionando tamén a outros compañeiros con despedimentos e algúns deles facéndoos efectivos. Chegou a ameazar co peche se Rogelia non paraba no seu intento de defender os dereitos dos traballadores e o medo a perder o posto de traballo levou a boa parte dos empregados de Sargadelos a asinar un documento a raíz do cal Rogelia foi revocada como delegada.

Isto provocou que o Sindicato comezase unha campaña en defensa da dignidade de Rogelia e contra a persecución sindical en Sargadelos, cuxa máxima expresión foi a multitudinaria manifestación en Cervo o pasado 23 de abril na que participaron cadros e delegados de UGT procedentes de toda Galicia e doutras partes do Estado e a propia CEC, co seu secretario xeral, Pepe Álvarez, á cabeza.

Así, este é o recoñecemento, non só a unha longa traxectoria sindical en defensa dos traballadores e das traballadoras, senón o recoñecemento a unha muller que foi vítima dun dos ataques á liberdade sindical máis descarados dos último anos. Son 30 anos de loita sindical que non poden caer no esquecemento e tamén un pedazo da historia de UGT.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 + seis =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.