Unha retórica pendular- Por Xosé Edrosa

Xosé Edrosa

Nunha recente conversa sobre contidos coa dirección deste medio, suxíreme que escriba algo sobre os pactos contranatura que se están a realizar no eido da formación dos gobernos municipais e provinciais en Galiza. Recollín a mensaxe e comezo a darlle voltas ao veo.

Como cuestión pevia, a primeira reflexión sobre o particular é a referida ao termo  “contranatura”, considerando que non é o máis acaído á vista da realidade cambiante do comportamento electoral en xeral cara a novas formacións políticas, tanto á dereita como á esquerda, rompendo a hexemonía do bipartidismo alternante, conformándose, pois, un novo escenario político de bloques máis radicalizado e inestable, feito que se manifesta con expresións como liñas vermellas, cordóns sanitarios, etc., como indicadores dos límites fronteirizos estancos para chegar a acordos entre determinadas formacións políticas; unha retórica pendular que define a baixura da nosa clase política, alonxándoa cada vez máis da cidadanía que lle dá a súa lexitimidade, cidadanía que cada vez se ve máis orfa á hora de resolver os  problemas reais que lle afectan e preocupan. Estas expresións e posicionamentos carecen de toda virtualidade lóxica para afrontar a necesaria gobernanza da cousa pública, pero en cambio logran o seu principal obxectivo: desgastar e crear maiores dificultades á hora de constituír gobernos estables que garantan de todo un período lexislativo. Desta situación difusa aparece outro concepto recurrente como é o de xeometría variable, ou sexa, pactos puntuais e conxunturais dun lado e doutro para ir tirando cara a incertidume.

Este estado de cousas no que estamos a vivir non é outro que a expresión da vontade popular, consciente ou inconscientemente, manifestada a través do seu dereito de sufraxio, pero é o seu resultado, e a clase política debería estar á altura de tal circunstancia, feito que non sucede, pois vemos as dificultades para lograr pactos razonables nos que prime a defensa do ben común, tanto no que atinxe ás administración locais-provinciais, autonómicas, goberno de España e, incluso, para a designación de cargos das institucións da propia Unión Europea, que foi unha especie de parto distócico. Esta situación poderiamos resumila no seguinte binomio: mandato popular e incapacidade política para adminístralo.

Visto o cal, podemos afirmar que estamos asistindo a unha crise sistémica que afecta  a nivel político, social e cultural. Un problema de adaptación e altura  que se manifesta principalmente na nosa clase política, feito que deberá asumir con respostas e solucións de calidade democrática, abandoando as resistencias clásicas derivadas do statu quo que se debate entre a nova realidade e as servidumes herdadas.

É necesaria, pois, unha nova pedagoxía e unha linguaxe como expresión desta nova realidade, da que Galiza, como non podía ser doutro xeito, non é allea, pois a linguaxe e o comportamento dos nosos dirixentes políticos fan honor salientable desta necesidade. Só dous exemplos que nos retratan como actores sobranceiros para este tipo de xénero. E para que non nos tachen de tendenciosos, imos ilustrarnos con dúas proezas, unha no eido da dereita e outra no da esquerda; unha sucedida en Lugo e a outra en Ourense, dúas provincias que históricamente sempre amosaron unha tendencia máis conservadora e remisa aos cambios, onde o caciquismo mellor patrimonializou os seus recursos, e polo visto aínda conserva as súas  fondas raíces.

Voume referir, pois, a dous casos paradigmáticos que nos ofrecen o mellor retrato da pelaxe dos nosos gobernantes  e dos que nos queren gobernar: un deles protagonizado polo señor Feijóo na recente campaña electoral ás municipais e europeas, nun deses arrebatos calculados, dixo do candidato á alcaldía de Ourense por Democracia Ourensá, señor Jácome, que sería un alcalde letal para Ourense. Miúda recomendación!  Unha frase que dende logo non pasou desapercibida. Malia a tal concepto, o presidente do PPG e do Goberno galego, en aras de que o seu socio ourensán, o señor Baltar, mantivera a hexemonía na única Deputación que lles quedaba aos da gaivota en Galiza, dálle a bendición  urbi et orbi  sentando no trono da cidade das burgas ao alcalde letal. Agora, os ourensáns, preocupados, cavilan que lle farían eles ao presidente Feijóo para que lles colocara na alcaldía a tan perigoso persoeiro. Grazas que xa lle lo explicou o señor Baltar afirmando que aquel sacrificio fíxose polo ben de Ourense e dos ourensáns. Menos mal que foi por iso!

De todos os xeitos e para a tranquilidade das veciñas e veciños de Ourense, non estaría demais previrlles aos da oposición que vixíen de preto ao alcalde letal por se lle dá de facer  cousas fóra do común.

No tocante  a Lugo, a cidade do Sacramento, aquí  as augas baixan mansas e paseniñamente, pois os da rosa vermella foron quen de manter o poder sen alteracións avaliables, e o señor Caballero (don Gonzalo) anda enfrascado nos labores de limpeza doméstica, para conquerir unha maior adaptación e identificación ao seu flamante perfil. E polo de agora  os traballos van a bo ritmo, pois xa limpou ao secretario provincial, e con el ao presidente en funcións da Deputación, o que tiña todos os papeis para volver a selo, se non fora pola interposición do señor Tomé, home seica moito máis versátil para a alineación do novo poder.

Agora a xuntar o rebaño que non é cousa doada, pois anda moi desacougado e, sobre todo, os votantes, aos que nada gustou a faena toureira que lle fixeron ao da Pontenova, un presidente de circunstancias, sen vocación previa e sen ansias de poder, ou sexa, un presidente atípico, pero que soubo introducir un xeito de gobernar que ata o entendiamos os  que non andamos metidos nesas lerias. E polo de agora, só queda fiarse da xestora creada para cubrir o baleiro deixado por esta crise, integrada por xente equilibrada e ponderada. No primeiro que me fixei foi no alcalde de A Pastoriza, un exseminarista e ilustre filólogo, que sabe manexar con finura a sintaxe, manter as formas e poñer a palabra no seu xusto lugar, e iso é moito para os tempos que corren, onde as bravatadas e a impostura é a prosa más praticada. Ánimo don Primitivo que traballo non lle ha de faltar!

Dicíame o outro día un militante socialista de cerne, o que, coma moitos outros, anda coa mosca detrás da orella, que o que está a facer o secretario xeral en Lugo, é a expresión máis xenuina da súa debilidade pola falla de control nas outras provincias, feito que o leva a facerse forte en Lugo, tentando colocar aos seus peóns nos lugares estratexicos. Esa non é unha teoría descoñecida para os lucenses, pois foi a especialidade exercida durante moitos anos  polo inesquecible, don Francisco Cacharro. Quen no lo ía dicir!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete + once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.