Xunta. Conecta con Galicia, ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

A Consellería de Política Social e a Secretaría Xeral da Emigración convocan estes días en Lugo a un centenar de rapaces e rapazas a través do programa Conecta con Galicia, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe aos participantes no albergue LUG II, que aloxa aos integrantes da primeira quenda deste programa, na que se suceden dous grupos. En total, suman 99 mozos e mozas, dos que 67 son descendentes de galegos no exterior e proceden da Arxentina, O Uruguai e Brasil -hai tamén participantes de Venezuela e Cuba noutros puntos de Galicia-.

O Conecta con Galicia pretende promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia a través de distintas actividades de tipo cultural, deportivo e de ocio, así como a convivencia coa mocidade galega, que fai a experiencia máis enriquecedora.

A primeira quenda, dividida en dous grupos distribuídos por idades, reparten a súa estancia entre Lugo e o albergue xuvenil de Gandarío (A Coruña) para disfrutar de dúas propostas. A primeira delas, “Cultura e camiño”, é a que se desenvolve en Lugo e serve para que coñezan o patrimonio histórico-cultural da zona; ademais, percorren distintas etapas do Camiño de Santiago. Na segunda, “O mar de Galicia”, realizan actividades de náutica, de recreo e coñecemento do medio mariño.

En concreto, entre os días 10 e 14 de xullo alóxanse no LUG II  56 rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos; 33 deles son fillos, netos ou bisnetos de emigrantes galegos de diversos países de América, e os outros 23 de distintos puntos de Galicia.

Igualmente, entre os días 5 e 9 de xullo estivo en Lugo o grupo de mozos e mozas maiores de 18 anos: 43 participantes en total, dos que 34 eran fillos, netos ou bisnetos de emigrantes galegos. A Secretaría Xeral da Emigración financia os custos da viaxe e a Consellería de Política Social os da estancia e a participación na actividade.

Balseiro subliñou que este programa, que oferta 174 prazas no conxunto de Galicia, quere “fortalecer as ligazóns dos mozos e mozas da Galicia exterior coa terra de orixe dos seus devanceiros, que moitos senten como propia, entendendo que pode ser unha base sólida para facilitar un ulterior retorno definitivo desta mocidade”.

A actividade forma parte da Campaña de Verán 2019 da Xunta de Galicia, que ofrece na provincia de Lugo 2.235 prazas en campamentos e campos de voluntariado, cun investimento de 725.018 euros.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

seis + 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.