A actividade da velutina disparouse en xullo en Carballo, con 122 niños desmantelados polo servizo municipal de control de pragas

Aínda son maioría os niños primarios, pero xa se localizaron 55 secundarios        

O mes de xullo non fixo moi bo tempo para as persoas que estiveron de vacacións, pero foi perfecto para a propagación da avespa velutina, como evidencian os datos do servizo municipal de control de pragas. O mes pasado foron desmantelados no noso concello un total de 122 niños: 67 primarios e 55 secundarios. Nun destes últimos foi precisa a utilización da grúa por atoparse a gran altura.

Árbores, valados e todo tipo de construcións albergan a práctica totalidade dos niños, pero é raro o mes que non nos sorprende un emprazamento. En xullo houbo dous, o motor dun pozo e un depósito de gasóleo, e os dous na parroquia de Ardaña. Aínda así, esta non foi a parroquia más afectada, nin moito menos. As “preferidas” das avespas foron Carballo, Bértoa e Rus, con 21, 17 e 16 niños, respectivamente, e tamén houbo gran incidencia da praga na zona costeira, con 33 niños entre as zonas de Razo e Baldaio.

Non todos os avisos que recibe o servizo municipal de control de pragas se corresponden con velutinas. Ás veces son avespas comúns, abellas ou abellóns, que a xente confunde coas asiáticas, como pasou en 11 ocasións no mes de xullo.

Picaduras

Na medida das posibilidades, o servizo municipal de control de pragas tamén intenta levar un control das persoas que sofren picaduras de avespas velutinas, que o mes pasado foron 9. Por iso, unha vez máis facemos un chamamento á precaución: antes de empezar a traballar no campo ou no monte é aconsellable inspeccionar o lugar por se existe algún niño e tamén observar se hai avespas voando pola zona, porque iso indicará que o niño está preto. Lembramos que as persoas que localicen algún poden dar aviso ao 112 ou ao 012.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 + 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.