A Delegación Territorial da Xunta acolleu a presentación da sexta edición da festa castrexo-romana Qui-Roma, que se celebra en Quiroga este sábado

Pretende poñer en valor a historia do municipio e ofrece espectáculos, desfiles, mercado e actividades para todos os públicos ao longo de toda a xornada

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da sexta edición da festa castrexo-romana Qui-Roma, que se celebra en Quiroga este sábado día 17.

No acto participaron a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo, María José Gómez, xunto con representantes da organización, Andrés Novoa e Manuel García, e algúns dos persoeiros principais da festa: o rei castrexo “Cachelus” e o “Chiquilicuatro”.

Durante toda  a xornada haberá mercado, campamentos e espectáculos para públicos de todas as idades. Abre o programa a terceira ruta de cabalos, e haberá exposición de bois e demostración e exhibición de cetrería, así como música, mostra de tecido artesanal ou xogos infantís, entre outras propostas. A partir das 20.00 horas dará comezo o desfile e rematará a festa cunha gran paella e unha discoteca móbil.

Os organizadores subliñaron a implicación do pobo de Quiroga nesta festa de recreación histórica, con numerosos veciños e veciñas que se caracterizan de castrexos ou romanos e mesmo que participan activamente nas actividades programadas. Incluso os espectáculos de loita de gladiadores  “son protagonizados por xente da zona”, afirmaron.

O pasado romano deixou importantes pegadas no municipio, singularmente en forma de explotacións auríferas, entre as que destaca o famoso túnel de Montefurado. Tamén hai abundantes castros e “unha das poucas pontes enteiramente romanas que quedan en Galicia, a ponte Bibei, que  une Quiroga e Trives”, sinalaron os organizadores.

Esta festa pretende poñer en valor a historia do municipio e dinamizar o turismo, nun momento fundamental no que Quiroga está a recibir notables impulsos, como o recoñecemento por parte da Unesco das Montañas do Courel como xeoparque mundial -o primeiro de Galicia en recibir este recoñecemento-, a oficialidade do Camiño de Inverno, e a declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural, paso previo á solicitude da declaración como patrimonio da humanidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.