A Xunta destinou 641.000 euros nos últimos dez anos ás Agrupacións de Protección Civil da provincia de Lugo para gastos de funcionamento e compra de material

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que vén de resolverse unha achega de 62.500 euros e subliñou “a estreita colaboración” do Goberno galego con estes grupos de emerxencia

A Xunta de Galicia destinou nos últimos dez anos un total de 641.000 euros ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Lugo para a adquisición de diverso equipamento e material.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a  Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de resolver unha nova partida para o presente exercicio, que alcanza un importe global de 62.500 euros na provincia.

Estas achegas, afirmou Balseiro, “confirman a estreita colaboración do Goberno galego coas 34 agrupacións que hai rexistradas actualmente na provincia de Lugo”. Están destinadas a financiar gastos de funcionamento, como a  vestimenta, material funxible de prevención e protección, gastos ocasionados durante as actuacións, custos da base, das comunicacións por telefonía fixa e móbil e datos, seguros e outros.

As axudas son complementarias doutros programas de apoio que xestiona a Xunta para mellorar os recursos económicos, os vehículos ou a formación dos voluntarios. Así, o delegado lembra que a Vicepresidencia tamén dota ás agrupacións de vehículos e equipamento de emerxencias, e este mesmo ano fixo entrega deste material aos concellos de  Xove, Lourenzá, Viveiro, Ribadeo, Xermade, A Pontenova, Cervo,  Cervantes, Negueira de Muñiz, Meira, Becerreá e Quiroga. En total, recibiron catro pick-up, catro remolques, tres furgóns e unha moto de auga.

Igualmente, no primeiro semestre do ano a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), dependente da citada consellería, organizou na provincia sete cursos de formación para persoal das agrupacións, que se impartiron en Mondoñedo, O Saviñao, Ribeira de Piquín e Chantada e nos que participaron arredor de 140 voluntarios.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.