A Xunta investirá 124.000 euros en obras de remodelación da estación de autobuses de Sarria, previstas para finais de ano

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se mellorarán elementos estruturais, como cubertas e paramentos, e tamén aseos e outros servizos

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá 124.200 euros nas obras de remodelación da estación de autobuses de Sarria. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou as características dos traballos, que están previstos para finais de ano.

Balseiro indicou que as obras están en fase de licitación, e precisamente hoxe remata o prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. Esta actuación, afirmou,  “enmárcase dentro da aposta que está a desenvolver o Goberno galego pola mellora do transporte público e pola mellora das súas infraestruturas estratéxicas”.

As obras afectarán a elementos estruturais, como cubertas, paramentos e pavimentos, e tamén a aseos e outras dotacións e servizos, co obxectivo de “corrixir deficiencias e mellorar notablemente a estética e o confort da estación, tanto para os usuarios como para as empresas que operan aquí”, asegurou o delegado.

Entre outros traballos, realizaranse reparacións na cuberta do edificio da estación e da dársena, co cambio de canlóns e de pezas deterioradas,  pintaranse os paramentos verticais  exteriores e interiores, realizaranse reformas nos aseos, reparacións no falso teito, cambio de carpinterías e mellora do muro de peche.

Tamén se acometerán reformas na instalación eléctrica e nos sumidoiros, substituirase a   cantelaría e instalaranse pantallas informativas electrónicas con información de interese sobre os servizos de autobús.

A estación de autobuses de Sarria, situada ao norte do núcleo urbano, foi construída no   1989. Nos últimos anos realizáronse outras reparacións nas cubertas e nos aseos, para mellorar a accesibilidade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

seis − 4 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.