Antas de Ulla. Pilar García Porto  “O Alcalde recoñeceu a súa responsabilidade no retraso do pago das nóminas do mes de xuño aos traballadores”

Así o dixo tras a celebración da sesión plenaria celebrada a petición do Grupo Socialista, na que demandaron garantir o pago dos salario aos traballadores, e ao mesmo tempo, reclamaron ao Alcalde que tome as medidas necesarias para que esta falla de previsión na xestión económica non se volva a repetir. Esta proposta foi aprobada por unanimidade.

García Porto cualificou de “lamentable a situación polo que tiveron que pasar os traballadores municipais, que estiveron sen cobrar as súas nóminas no mes de xuño. Ademais, non hai que esquecer que o propio Alcalde tiña coñecemento de que isto podería chegar a pasar, xa que estaba advertido pola Secretaria do Concello dende o mes de maio. Polo tanto era un problema que puido estar solucionado, pero a deixadez e a vagancia do noso rexedor levaron ás familias a esta situación”, dixo.

Segunda sesión plenaria

Ademais, o Concello de Antas de Ulla celebrou hoxe unha segunda sesión plenaria para realizar a aprobación inicial dos orzamentos, que saíron adiante só cos votos do PP. García Porto denunciou que “o orzamento chega tarde, xa que debería estar en vigor dende o inicio do ano, e non a mediados de setembro”. Ademais critica que nas contas municipais “non se contemplan proxectos de futuro, e déixanse de lado aos colectivos culturais e sociais da vila, xa que non poden aspirar a ningunha subvención nominativa para realizar as súas programacións”.

A Voceira Socialista sinala tamén que este orzamento “chega mal, e contempla unha inversión de 600.000€ dun programa que foi eliminado polo Estado e a Xunta de Galicia xa no 2014, polo tanto son irreais e inflan o orzamento para camuflar a débeda. A débeda ascende a 554.000€ e lastra as inversión que pasan de 1.3328.963 a 728.963 euros, ao descontar os 600.000€ citados anteriormente, e tampouco aparecen reflectidos o investimento para os apartamentos de maiores da vila, feito que os achega á triste realidade xa que o remate da residencia non está contemplada por ningunha administración”.

García Porto tamén sinala que a tramitación do orzamento da Empresa Municipal, (EPICA, S.L.U.) non foi correcta para a súa aprobación e posterior incorporación ao Orzamento Municipal.

Ningún novo proxecto

Por último, a Voceira Socialista afirma que “o balance que os veciños e veciñas de Antas de Ulla poden facer deste novo orzamento é que non van a desfrutar de ningún proxecto novo para o vindeiro ano. O Alcalde esta máis preocupado por cobrar a súa nómina a fin de mes, que por presentar algunha iniciativa e traballar polo futuro do noso Concello”, resumiu

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.