Arca de Noé “á Galega”. Sumar súmase para multiplicar, o que non sexa así é división ou resta

© Xabier González

opinion@xabier.gal

@xabiergzalez

Que foi primeiro: o ovo ou a Galiña? 

Mentres pasea a súa invisibilidade mediática polas cidades e aldeas desta Galicia que nunca remata de converterse en  Poblacht  na  hÉireann,  Noé lembra que leva sesenta e  ún anos coa  preguntiña ao lombo, atopando a resposta cada día e retractándose xusto no espertar da mañá seguinte. Son momentos de lucidez que humanizan a súa condición de  Ayatollah, tan inverso como posuidor dunha infalibilidad autoxestionada axeitadamente. Na forma non, pero no fondo é un tío (ou mesmo curmán) máis sabio polo que  erra que intelectual polo que atina; algo así como un politólogo disfrazado de pastor que, en corpo e alma, dedicaríase á  mesta se tivese suficientes ovellas para conformar un rabaño de verdade e cans para vixialas de preto.

Noé podería perfectamente ser o meu outro eu ou o teu outro ti; ou, tamén, un algoritmo revelado que permite achar solucións incorrectas a un determinado tipo de problemas.

Pero o certo é que Noé di que o que lle preocupa de verdade é Galicia; esa que é tan total e inmensa como debe selo unha identidade global que,  causal e casualmente, converte en meros ríos os océanos e constitúe un lobby de tal magnitude que o Mossad non deixa de vixialo de preto.

E que farías,  Noé, para  redimir nosa  Matria  Galega?

O meu é  construír arcas…

Para gardar o pan e a fariña?

-Non!, para meter dentro unha parella de cada especie política de Galegos e  Galegas…

-Pero,  Noé, non hai diluvios á vista!, polo menos que eu saiba

Noé afástase con cara de poucos amigos e algún que outro xesto coa man que me envía, sen disimulalo, a traballar nas esterqueiras.

Seica terá razón?, necesita Galicia un Arca de  Noé política para salvarse do diluvio de outono que din vai vir no 2020?

Nin comigo mesmo póñome de acordo. Quizais sexa o empacho de asistir –desde o balcón ou en primeira liña de praia- a innumerables  operacións de “deconstruccion” e reconstrución da xenial idea do “mesmo de sempre”  pintadiño de  “colorines” para que pareza novo.

Porque, non nos enganemos!, o ideario profundo da  partidocracia –sexa de corte  pannacionalista ou  panhispanista- non vai alén de poses e rolos macabeos de lectura  tediosa e inacabable que, con máis esforzo que  éxito, tratan de agachar a realidade de que as organizacións políticas convértense automáticamente en empresas cando tocan poder; iso si, en empresas asustadas polo ERE que lles agarda cada vez que o perden.

Meterse asustados e asustadas nun Arca de Noé non parece máis que unha solución provisional nada do pánico por quedar fora do establishment e  verse obrigad@ a nadar para gardar a roupa nun armario  apolillado de IKEA, ao que as bisagras lle renxen e xa hai tempo que debería estar no rocho.

Sumar súmase para multiplicar, o que non sexa así é división ou resta.

Cando era neno e tiña por obrigación  francocristiá asistir á catequese, nunca saía de casa sen a consabida advertencia de que non se podía comer froita das árbores que medraban no cemiterio –que, por certo, tiñan unhas cereixas e peras máis  tentadoras que a mazá que Adán deulle a Eva-; o argumento das miñas avoas era simple e case de Xogo de Tronos: “por moi boas persoas que fosen en vida, o que nace dos mortos está morto e non senta ben á saúde”.

Nunca souben se era certo ou non –algunha que outra comín e non pasou nada- pero si me dei conta durante estas décadas de activismo e militancia  Pangaleguista que non hai que negarlle a dignidade de repousar na memoria ou no esquecemento a quen o mereza. Cando as  traxectorias de activismo político,  idividual ou partidario, só foron útiles para engrosar a lista de restas e divisións hai que aceptar que o tempo pasou; que non existe outro destino digno que o de dimitir de liderados e sentirse  humildemente orgulos@s de que pegando carteis sexamos máis útiles que subidos a un púlpito, coa esperanza de que os “Amén” e “Aleluias” reguen o ego.

Chamarei a  Noé para dicirllo, que nunca  chove que  non  escampe, que non é necesario unha nova Arca de  Noé.

Aínda que non creo que os moitos Noé empadroados en Galicia e as súas aforas fáganme caso.  Darse conta de que faltan cadeiras para tantos traseiros non é unha das súas virtudes; o seu é un negocio, unha fórmula de vivir a súa  irrealidad coma se fose unha necesidade social e colectiva de Galegos e Galegas.

Mentres e mal que nos pese, aos “demais” tocaranos vivir o  déjà  vu de todos e cada un dos períodos electorais.

Non é que a Galicia fáltenlle líderes; faltan  cidadan@s que boten fora aos que se miran cada día ao espello e cren liderar un todo que non é nada.

Por certo, o que realmente importa é o que “sae” do ovo, se sae un pito é máis que probable que sexa de Galiña; pero se o rompemos e cociñamos sairía unha tortilla ou un revolto de  grelos e gambas, ao que poden engadirse  cogumelos e case todo o que no Arca de  Noé caiba para que pareza que é “á  Galega”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cinco × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.