Churrasco, arma de destrución climática. Por @DulceCorcu

En pleno verán galego, onde en cada aldea, vila ou cidade hai algún santo ao que venerar e honrar cunha boa mesa despois da pertinente procesión, sería imposible contabilizar os kilos de carne que se consumen só neste periodo do ano. Por iso, o informe da ONU chamando a reducir o consumo de tanto animal para non facer estoupar o planeta, quizais non estivo acertado á hora de escoller a data para emitilo e concienciar á poboación. 

Os gases de efecto invernadoiro que emanan da industria e o transporte, aparellados á desforestación e a uns hábitos alimentarios que devoran espazos naturais para adicalos á gandería, amén de recursos naturais como a auga que van na maior parte para a agricultura, ameazan con converter a Terra nun lugar inhóspito e achicharrante. Pese ao alarmante do informe, é difícil imaxinar unha celebración galega onde o churrasco non sexa a estrela indiscutible do menú. No restaurante, na praia, no merendeiro ou na horta, as brasas sempre están prendidas e o cheiro a criollo chega á mesmísima mesa dese viciño que vive a dous quilómetros de distancia.
En Galicia tamén gostamos de verduras e hortalizas coma recomenda a ONU, e témolas de primeirísima calidade coma os grelos, repolo ou pementos de Padrón entre moitísimas outras, pero estamos afeitos a que para exprimirlles todo o seu potencial haxa que acompañalas de lacón, chourizos ou polo da casa. Somos xente tradicional. A ONU tamén recomenda o incremento de consumo de gran e vexetais, iso que aquí xeralmente se lle bota de comer ós porcos ou as galiñas.
Quizais na ONU teñan razón e esteamos acabando cas estacións, con eses ciclos de calor no verán e chuvia no inverno que sempre coñecemos. E pode que tentar minimizar ese perigo dependa en parte de deixar de comer tanta carne e alimentarse máis directamente do produto da terra, do que non precisa tanto fertilizante nin emana tanto gas de toda a bichería que pasta ao seu libre albedrío polos prados. Pode. Pero todos e todas sabemos que hai cousas das que nunca prescindiremos así estea o mundo a piques de rebentar: se hai algo que celebrar, será con churrasco ou non será. Galicia non é país para veganos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.