Domingo 18 agosto. “Xornadas Etnográficas do Morrazo: música, baile, traxe e concienciación medioambiental”

A II Mostra Etnográfica, encadrada dentro da programación das XEM, consta de actuacións de 3 agrupacións, precedidas dun desfile do traxe, nun escenario de 14x14m, baixo carpa, con sillas para o público e barra para poder consumir. As actuacións corren a cargo de 3 grupos de música e baile tradicional cunha importante traxectoria e referentes no eido etnográfico e escénico. Nesta edición os grupos son Brincadeira, de Santiago de Compostela; Trébede, de O Morrazo; e O Fiadeiro, de Vigo. O Desfile previo corre a cargo de Sete Espadelas, de Pontevedra. Vai a continuación unha pequena reseña sobre cada un:
DOMINGO 18 DE AGOSTO:

II MOSTRA ETNOGRÁFICA DO MORRAZO *
Desfile do traxe, pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas, ás 20:30h. /*

A Asociación Etnográfica Sete Espadelas ten entre os seus obxectivos principais o estudo, a reprodución e o enxalzamento do traxe tradicional galego.

Varios membros do colectivo foron galardoados en distintos Certames con numerosos premios, motivo este, que destaca un interese coidado polo vestiario nas súas actuacións e espectáculos. Valgan de exemplo os Premios do día do Enxalzamento do Traxe Galego ou os Premios de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Tradicional Galego. Tamén levaron a cabo numerosas exposicións de traxes tradicionais ao longo destes anos, así como diversos obradoiros e cursos de ourivería, técnicas de bordado ou confección de distintas partes do traxe tradicional galego. Ademais, participaron en conferencias e mesas redondas, así como en mostras e pasarelas sobre o traxe tradicional galego.

 Actuacións de Brincadeira, Trébede e O Fiadeiro, ás 21:00h.

BRINCADEIRA

Brincadeira leva desde os anos 70 traballando na difusión do baile e a música tradicional galega, dende os escenarios e a través da súa escola, que actualmente conta con máis de 200 alumnos.

O seu repertorio bebe directamente do exhaustivo traballo de documentación realizado polos seus directores ao longo de toda Galicia.

Durante estes máis de 40 anos, percorreu festivais nacionais e internacionais, festas, romarías e congresos… cunha posta en escea que pretende reproducir o máis fielmente posible a maneira de tocar e bailar tradicional.

Brincadeira está formada por unhas 50 persoas: 30 bailadores e bailadoras, 10 pandereteiras e 8 gaiteiros.

Actualmente, baixo a dirección de Montse Rivera, a agrupación baila ao son dos seus grupos de pandereteiras e gaiteiros comandados por Felisa Segade e Alejandro Sanjiao respectivamente.

Pero, se hai algo que aracterice a Brincadeira, é a súa maneira de transmitir naturalidade, alegría, complicidade, e, sobre todo, a súa capacidade para conectar co público… para mostras con veracidade a festa da música tradicional.

TRÉBEDE 

A comezos do ano 2011 nace no Morrazo o grupo de música e baile tradicionais Trébede, da A.C. Peis d’hos de Cangas.

A agrupación ten como principal característica a recompilación do patrimonio inmaterial da cultura tradicional galega para a súa posterior difusión e posta en esea. Deste xeito, todas as pezas que interpretan son froito do traballo de campo dos seus compoñentes, adicados dende hai tempo a recompilar todo este material e nel se basean todos os seus traballos e proxectos. O grupo está composto por unhas 40 persoas, dirixidas por Miguel Sotelo e María Vidal.

A asociación conta, na actualidade, cunha amplia escola con máis de 180 socias e socios.

Cómpre destacar o seu proxecto audiovisual “Irei a Darbo”, levado a cabo no 2016; a súa participación no Festival Interceltique de Lorient 2015; nas Xornadas de Folclore de Santiago de Compostela no 2012; en concursos de música e de baile tradicional onde acadaron importantes premios; e en moitos outros escenarios ao longo da xeografía galega e da península ibérica.

O FIADEIRO

O obxectivo da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro vén sendo, dende o seu nacemento no ano 1996, a recuperación da cultura tradicional galega, nomeadamente os bailes, músicas e cantares dos nosos devanceiros.

Coa finalidade de que esa tradición sexa proxectada nas novas xeracións, esta Asociación leva organizando, mediante os seus grupos de Baile e Música Tradicional diversos espectáculos nos que transfire o máis fielmente posible ós escenarios as músicas, cantares e danzas tradicionais recuperadas nun incesante traballo de investigación etnográfica e traballos de campo, tentando dotar a cada escena integrante dun interesante grao didáctico e vinculando cada unha das partes escénicas ós usos, costumes vestimentas tradicionais do noso pobo en cada época.

O Grupo para a Recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro, traballa baseándose no estudo e representación artístico-escénica do noso folclore tradicional tal e como nos foi legado polos nosos maiores. Trátase dun total de 50 persoas aproximadamente distribuídas en diferentes seccións: grupo de baile, pandereteiras, pandereteiros, grupo de gaitas, charanga, orquesta e vestimenta.

Grupo para a Recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais O Fiadeiro, traballa baseándose no estudo e representación artístico-escénica do noso folclore tradicional tal e como nos foi legado polos nosos maiores. Trátase dun total de 50 persoas aproximadamente distribuídas en diferentes seccións: grupo de baile, pandereteiras, pandereteiros, grupo de gaitas, charanga, orquestra e vestimenta.

O Fiadeiro interpreta músicas e bailes recuperados das catro provincias galegas coa súa vestimenta propia e todo tipo de complementes. Teñen acadado numerosos premios e galardóns en diversos concursos e certames.

Fotografías da pasada edición, das XEM 2018.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho + nueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.