Elena Candia pide a celebración dun Pleno extraordinario para que o presidente de @depolugo explique “con claridade” o futuro das residencias de maiores

O Grupo Provincial do Partido Popular vén de rexistrar esta mañá a solicitude de petición de celebración dun Pleno extraordinario para que o Goberno da Deputación de Lugo explique “con claridade” cal é “o futuro que ten proxectado para os diferentes Centros de Atención a Maiores que o mesmo bipartito decidiu construír e xestionar na provincia e dos que agora o Goberno do PSOE e BNG pretende desatenderse”.

A presidenta do PP na provincia de Lugo e voceira do Grupo Popular na Deputación, Elena Candia, sinala que “mal empeza o presidente da institución se a súa primeira decisión é a de desistir e romper cos acordos que a propia Deputación asinou cos Concellos e, polo tanto, cos veciños e veciñas; despois de conseguir, no seo dos debates internos do Partido Socialista case cun golpe de estado, facerse co control da entidade provincial argumentando que quería devolver a imaxe de normalidade e prestixio á institución”.

A popular defendeu a necesidade de evitar “os efectos gravemente prexudiciais” que poden xerar a alarma e a incerteza que se está a dar en relación ás residencias de maiores. Con este Pleno “queremos que se dea tranquilidade e seguridade xurídica sobre o funcionamento e uso destes centros”.

Para a dirixente popular estase ante “un compromiso inquebrantable. Non permitiremos que o Goberno socialista e nacionalista se desatenda da rede de residencias, que supuxo un forte investimento público e que sempre usaron politicamente ao seu antollo” precisa.

“Durante a campaña electoral prometeron máis residencias, mesmo asinan novos convenios como son o de Ourol e Cervantes. Manifestábanse dispostos a asumir o coste das residencias e agora, segundo as declaracións que están a facer, parece ser que non se queren facer cargo dos centros. É inadmisible”, explica Candia.

A popular pide “seriedade” ante un asunto de “especial relevancia para a provincia, que afecta a concellos e veciños e veciñas, sen esquecernos do persoal que pasou un proceso de selección para traballar nalgún deste centros e que anos despois seguen se poder incorporarse ao seu posto de traballo”.

Candia considera “irrenunciables” os dereitos dos maiores da provincia a usar e desfrutar con todas as garantías destes centros públicos provinciais. “Estamos en total desacordo con que o actual Goberno da Deputación representado polos mesmos partidos políticos dos últimos doce anos cambie, continuamente, o sentido das súas decisións con respecto ás residencias de maiores”, aseguran.

Cumprimento dos acordos

Polo tanto, ademais de que o PSOE e o BNG clarifiquen a súa postura sobre as residencias, o PP en Pleno pedirá que o Presidente cumpra e faga cumprir os acordos aprobados polos órganos de goberno unipersoais e colexiados da institución provincial relativos á construción e xestión dos Centros de Atención a Maiores.

De igual modo, dende o Grupo Popular solicitan que “o Goberno provincial abandone a loita e o enfrontamento coas institucións de distinta cor política e traballe de forma coordinada con todos e, nomeadamente, coa Xunta de Galicia, no relativo a estes centros e en todos os asuntos de relevancia para a provincia”.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.