Feijóo avanza que a Campaña de Verán de 2020 será a máis ampla, a de máis variedade e a de mellor calidade da historia de Galicia

Destaca que os campamentos da Xunta son un dos eixos da política autonómica en materia de Xuventude e esa é a razón pola que se invisten cada ano uns 3 M€

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Campaña de Verán de 2020, a última da década, será a máis ampla, a de máis variedade e a de mellor calidade da historia de Galicia.

Fíxoo durante a visita, no albergue Benigno Quiroga de Portomarín, ás nenas e nenos de entre 9 e 11 anos participantes do campamento xuvenil A miña primeira aventura, onde estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. Alí, Feijóo asegurou que os campamentos da Xunta son un dos eixos da política autonómica en materia de Xuventude e esa é a razón pola que se invisten cada ano uns 3 millóns de euros para desenvolver todas as actividades que se inclúen na campaña.

O titular do Goberno autonómico recordou que a primeira Campaña de Verán da Xunta data do ano 1981 e trátase, pois, dunha iniciativa que está xa preto dos 40 anos de historia e que marcou a mocidade de varias xeracións de galegas e galegos. Desde os inicios, subliñou, a campaña foi ampliándose, modernizándose e adaptándose ás preferencias da rapazada que a desfruta.

A edición deste ano, que se desenvolve baixo o lema O verán que queres vivir, ofrece máis de 9.800 prazas, 62 máis que o ano pasado. Esta cifra incrementouse, valorou Feijóo, para procurar un triplo obxectivo: favorecer que a Galicia moza sexa activa, aberta e mellore a súa formación a nivel humano; facilitar a conciliación das familias; e dinamizar o sector da educación de tempo libre.

Nesta liña, destacou que para moitos participantes este tipo de actividades son a primeira oportunidade que teñen na súa vida de coñecer xente doutras zonas de Galicia e, así, aprenden importantísimas leccións sobre tolerancia e diversidade. Por todo isto, dixo, os campamentos da Xunta fan un labor fundamental de vertebración na nosa Comunidade.

Ademais da súa vertente lúdica e formativa, segundo explicou, a campaña ten un marcado carácter social, pois todos os campamentos están abertos ás persoas con discapacidade, existe unha convocatoria específica dirixida a este colectivo e se reservan 150 prazas para menores baixo tutela ou garda da Xunta ou fillos de mulleres que sofren violencia de xénero.

Por último, Feijóo agradeceu ás monitoras e monitores de tempo libre o imprescindible labor que desenvolven, verán tras verán, para ofrecer a mellor campaña posible. A aportación deste colectivo, sumado á experiencia que dan catro décadas organizando campamentos, fai que a Xunta ofreza cada ano unha mellor atención, actividades máis divertidas e unhas instalacións á altura.

“Para que as cousas saian ben é necesario planificar con previsión, unha filosofía que aplicamos á xestión de todas as competencias autonómicas, que aplicamos para que o Xacobeo de 2021 sexa o mellor da nosa historia e que aplicaremos para que a Campaña de Verán do ano 2020 bata todos os récords e sexa verdadeiramente memorable”, concluíu.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.