Lugo de Cara ao Miño organiza para este venres 16 un novo paseo de custodia territorial polas ribeiras do río

A plataforma cidadá Lugo de Cara ao Miño organiza para a mañá deste venres, día 16, un novo paseo de recoñecemento e custodia do “estado de saúde” do Miño ao seu paso pola contorna urbana de Lugo.

Esta acción, como as anteriores aberta absolutamente a todas as persoas e colectivos que se queiran sumar a ela, ten como obxectivo sensibilizar a todas as luguesas e lugueses na importancia de preservar os valores ambientais, paisaxísticos, sociais e patrimoniais que o Miño representa para a cidade de Lugo e os seus habitantes.

Lugo de Cara ao Miño pensou na época do verán, cando o clima e o tempo de lecer fan máis propicias as actividades ao aire libre, como a máis indicada para, aproveitando o costume que moita xente ten de saír a camiñar, propoñer á cidadanía esta actividade semanal de custodia do territorio, cubrindo para iso en cada paseo un tramo diferente do río.

En cada unha destas andainas, de baixa dificultade e unhas dúas horas de duración, as persoas que participan da actividade van comprobando o estado do treito do río en aspectos como a calidade da auga e do caudal, o estado da vexetación e do bosque de ribeira, a garantía -ou non -do dereito de servidume de paso ou a presenza de impactos urbanísticos ou outras agresións humanas. Ao final de cada un dos paseos, as persoas participantes elaboran un informe coas comprobacións realizadas. Cando rematen os paseos, farase un informe global que lle será remitido a todas as administracións públicas con competencias sobre o río.

O tramo que se percorrerá este venres é o correspondente á zona comprendida entre As Saamasas e Meilán, voltando logo por Adai. O punto de encontro será ás 11.30 da mañá na Acea do Rei Chiquito. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa pódense achegar directamente ao punto de inicio da camiñada ou contactar con Lugo de Cara ao Miño no correo lugodecaraominho@gmail.com ou no teléfono 679 721 687.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

siete − 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.