Manuel Baltar recibe ao presidente do Centro Partido do Carballiño de Bos Aires

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no seu despacho no Pazo Provincial, ao presidente do Centro Partido do Carballiño de Bos Aires, Emilio Nogueira, entidade que no ano 2018 foi galardoada co Premio Ourensanía xunto ao Centro Ourensano de Montevideo, cando se convertía en institución centenaria.

Na xuntanza, na que tamén estiveron a secretaria do Centro Partido do Carballiño de Bos Aires, Silvana Reynoso, e o alcalde de Cea, José Luis Valladares, o presidente do goberno provincial confirmoulle a Emilio Nogueira que a Deputación de Ourense colaborará no arranxo da cuberta da súa sede central na capital arxentina cunha axuda de 30.000 euros.

 O Centro Partido do Carballiño de Bos Aires é “un faro de Ourense na emigración, sostido grazas á coraxe e ao compromiso dos seus membros que fixeron del unha casa amable e receptiva que exalta o mellor do noso pobo converténdose nun excelente embaixador da provincia”, dixo o presidente do goberno provincial, quen engadiu que “o Centro ten futuro e nese escenario vai a seguir tendo á Deputación de Ourense como aliada indiscutible”.

 Pola súa parte, Emilio Nogueira expuxo ao presidente da Deputación de Ourense os plans do Centro para os vindeiros anos, unha estratexia marcada polo amor e o compromiso con Ourense. O Centro é “un referente da emigración española na República Arxentina, destacando por unha xestión rigorosa e un prestixio ben gañado, despois dun século de actividade ennobrecendo os seus fins fundacionais”, sinalou Baltar.

 O presidente da Deputación de Ourense decidiu entregar en Bos Aires o Premio Ourensanía 2018 a petición das directivas das entidades premiadas, acompañado de alcaldes ourensáns e da Real Banda de Gaitas, “un momento moi emocionante para a toda a colectividade”, lembra Manuel Baltar.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve − 6 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.