O BNG de Oleiros conmemora o Día de Galiza Mártir cun acto cívico este domingo 18 de agosto na Praza da Liberdade de Nós

O BNG de Oleiros vén conmemorando ininterrompidamente desde o ano 1996 o Día da Galiza Mártir, data instituída pola Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, con motivo do fusilamento do economista  Alexandre Bóveda, fundador e secretario de organización do Partido Galeguista, en Poio o 17 de agosto de 1936.

O acto cívico que o BNG organiza cada ano para conmemorar esta data terá lugar o vindeiro domingo 18 de agosto ás 20 horas. Este acto volve ao seu emprazamento habitual, a Praza da Liberdade de Nós, logo do acto do ano pasado no adro da igrexa de Liáns, cando se homenaxeou aos xitanos cesteiros asasinados por un comando fascista en Montrove en 1936 e cuxos corpos permanecen alí enterrados.

Este ano o Bloque oleirense recupera da desmemoria, para facerlle unha merecida homenaxe, a figura de Manuel Fernández López, médico municipal de hixiene de profesión. Manuel Fernández era irmán de Maruxa, a muller do pintor e intelectual galeguista Luís Seoane. Foi fusilado no Campo da Rata da Coruña ás 5 horas do 11 de xullo de 1937 xunto a outras 11 persoas. Como súa irmá e seu cuñado, era militante do Partido Galeguista. Desde 1933 tiña a súa consulta médica no Río de Quintas (Palavea); alí atendía xente do Portádego, Palavea e toda a zona da Pasaxe. Tamén nesta zona desenvolveu, nos anos da República, intenso activismo político. Segundo consta no informe do seu Consello de Guerra, “acusábano” da organización de mitins en Perillo ou no Burgo.

Manuel Fernández López facía parte, desde o golpe de estado do 18 de xullo, da rede clandestina dedicada a agochar persoas perseguidas e organizar fugas (normalmente por mar) cara a zonas controladas polo goberno legal (principalmente Asturias). No seu consultorio estaba agochado o deputado socialista Luis Rufilanchas Salcedo o 24 de febreiro de 1937, cando debido a unha delación detiveron a ambos mentres era preparada unha daquelas fuxidas, naquel caso a bordo da motora Sisargas. Fernández e Rufilanchas serían fusilados o mesmo 11 de xullo daquel 1937 nun axustizamento que, ademais, supuxo un duro golpe para o aparello clandestino na Coruña.

No acto do domingo, que tamén contará cunha pequena actuación musical, intervirán Fran Rei, portavoz municipal do BNG en Oleiros, e Luís Bará, deputado nacionalista no Parlamento de Galiza  e un dos impulsores da Iniciativa Galega pola Memoria.

Nos últimos anos o BNG de Oleiros, facendo un importante traballo previo de investigación, dedicou a conmemoración deste Día da Galiza Mártir á recuperación de capítulos locais da dura represión perpetrada polo fascismo no noso municipio: a detención, e posterior asasinato, do pintor Francisco Miguel na súa casa de Santa Cruz, en presenza da súa muller e fillos pequenos; a memoria de Tomás Arévalo Pardo, alcalde democrático de Oleiros durante a maior parte da 2ª República; a historia dos guerrilleiros antifascistas Xosé María Castelo e Carme Temprano, parella afectiva e de loita, veciños de Iñás e do Carballo, asasinados en 1949; ou a xa mencionada dos xitanos cesteiros asasinados na estrada de Montrove e soterrados en Liáns.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.