O Concello de Ourense aposta polas festas tradicionais, pola programación propia e polo talento local

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Cultura, Mario González, anunciaron esta mañá as novidades máis destacadas que incorporará a programación cultural do Concello de Ourense. O goberno municipal aposta por potenciar a celebración do Samaín, que incorporará unha Noite da Santa Compaña, o San Martiño, que durará 4 días (8, 9, 10 e 11 de novembro) con carpas e actividades na Praza Maior e As Burgas -onde se instalará unha ‘Viaxe ao mundo celta’- e un Magosto infantil, ou o Nadal, con escenas de belén a tamaño natural.

O Concello mantén a súa aposta por citas como a MOTI, o Enclave de Cámara, ou Ciclo Lírico, e deixará de apoiar economicamente “iniciativas con custes de produción inflados e escaso retorno”. Seguirá a programar actividades das diferentes modalidades escénicas, mais de forma directa, confiando no traballo do equipo da Concellería de Cultura.

Entre as novidades, Jácome e González anunciaron a creación dunha Orquestra Xove, que lle dea saída ao talento ourensán, un bono cultural, que favoreza o acceso ás actividades culturais para as rendas máis reducidas (parados, estudantes e pensionistas con rendas baixas) ou un convenio con artistas locais que garantirá que cada semana un artista da cidade das diferentes modalidades escénicas actúe ante o público de Ourense.

“Queremos dar un novo enfoque e impulso para revitalizar certos eventos e festas populares e darlle un enfoque distinto ao desenvolvemento de certos eventos culturais que custan moitos miles de euros e teñen un retorno pequeno”, asegurou o alcalde de Ourense, quen asegurou que tras analizar os datos de custes e público asistente algúns casos, o custe por espectador “é maior que os espectáculos de Broadway”. O alcalde expresou a súa aposta pola programación propia do Concello, tras comprobar que eventos que produce e contrata directamente saen moito máis económicos.

Novidades da programación cultural e festiva

O Samaín. Manterase a programación que se viña realizando, basicamente orientada a colexios e nenos e incorpora un novo apartado para adultos: A Noite da Santa Compaña, unha procesión que percorrerá as rúas da cidade, con diferentes grupos que sairán desde diferentes puntos para confluír na Praza Maior.

San Martiño. Daráselle un impulso a esta festa, que é a que máis identifica á cidade. Estenderase durante 4 días: do 8 ao 11 de novembro. Instalarase unha gran carpa na Praza Maior, que será o centro das actividades programadas, con concertos todos os días, desfiles, e cantos de taberna.

No Magosto participarán as catro denominacións de orixe ourensás e haberá produtos típicos da terra, así coma unha promoción dos menús típicos de San Martiño, logo de chegar a un acordo coa Federación Provincial de Hostalería. Esta festa estará centrada, ademais, nos máis pequenos, con actividades propias para eles.

Así mesmo, instalarase unha carpa temática na explanada das Burgas, que amosará “Unha viaxe ao Mundo Celta”, e que será o primeiro paso para poñer en marcha a Semana Celta de Ourense,

Nadal. Sacar a festa á rúa é, en palabras do concelleiro Mario González, a idea máis importante para estas datas. Así, representaranse en cinco puntos da cidade escenas do belén a tamaño natural, con actuacións musicais para ambientar e cun percorrido guiado para que se poidan visitar.

Bono Cultural. Crearase un bono cultural que fomente o acceso ás actividades culturais das persoas das clases menos favorecidas: persoas desempregadas, mozos estudantes e pensionistas con rendas baixas.

Banda de música Orquestra Xove de Ourense. Logo de iniciar conversas co Conservatorio de Ourense, quen apoiou a iniciativa con satisfacción, crearase unha Orquestra que lle dea saída aos talentosos novos músicos que se forman na cidade.

Por outra parte, o alcalde de Ourense defendeu a creación dunha banda amateur de música que encha o baleiro deixado pola banda municipal, cuxo custe anual ascendía a 400 mil euros. Estaría formada por músicos afeccionados, xubilados, ou estudantes de música.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

6 + quince =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.