O convenio Concello de Pontevedra  coa Federación de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) permitirá ofrece-lo servizo de comedor escolar a 45 nenos en risco de exclusión social.

Tal e como avanza o concelleiro de Educación, Tino Fernández, o acordo de colaboración “incrementará sustancialmente a súa contía económica (actualmente ascende a 210.000 euros anuais) e a idea é que poida asinarse a finais de mes”.

O edil socialista mantivo o pasado 22 de xullo unha reunión co presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, e mailo seu vicepresidente, Ángel Sánchez, co obxectivo de poñer en marcha a elaboración dun novo convenio, xa que o último que se asinou data do ano 2014 e, polo tanto, “esgotáronse os catro anos de prórrogas que permite a lexislación (sen que ademais se produciran modificacións nas condicións do mesmo)”.

Segundo sinala Tino Fernández, “trátase dun acordo esencial para o conxunto da comunidade educativa”, ao incluír tanto a porcentaxe coa que a Concellería de Educación subvenciona o funcionamento e xestión dos comedores escolares e do Plan Madruga en 18 centros educativos do municipio, como as axudas ás actividades organizadas pola Fanpa.

“Os comedores escolares -subliña o edil do PSOE- dan servizo a uns 1.100 nenos diarios en todo o municipio. O novo convenio incrementará de 32 a 45 o número de rapaces en risco de exclusión social aos que se lles dará cobertura e, ademais, farao dende o mes de setembro (ata o de agora incorporábanse ao servizo en outubro)”.

En opinión do concelleiro de Educación, o aumento da achega económica para a Fanpa “supón un investimento cun evidente valor social”, posto que garantizará a prestación “dun servizo que é fundamental para as familias”.

En concreto, a través das subvencións municipais, a Fanpa xestionará os comedores escolares dos CEIP A Carballeira, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Barcelos, Cabanas, Campolongo, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Parada (Campañó), Ponte Sampaio, San Bieito de Lérez, Santo André de Xeve e Vilaverde, así como do CEP Marcos da Portela e os EEI Concepción Crespo Rivas e Fina Casalderrey.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

15 + diecinueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.