O GPP presenta unha batería de iniciativas para revitalizar a industria galega

O viceportavoz do Grupo Popular Miguel Tellado presentou hoxe en rolda de prensa unha batería de iniciativas parlamentarias para revitalizar a industria galega, referidas ao sector naval, da automoción e o sector enerxético, “tres sectores atacados por Pedro Sánchez e polo goberno socialista e que temos que defender, xa que dan emprego a milleiros de traballadores en Galicia”

Miguel Tellado indicou que na ralentización da economía española ten moito que ver as actuacións do Goberno central coa parálise á que está sometendo o país e as políticas que está a anunciar en materia de emprego e industria. Malia que Galicia está a resistir mellor esta situación o “efecto Sánchez” tamén se está a notar, sobre todo na industria, á que o executivo socialista está atacando con dureza.

Así, o viceportavoz popular fala da desidia do Goberno central co naval; a suposta transición enerxética, que vai camiño de pechar as dúas centrais térmicas galegas; a súa falta de implicación para aprobar o estatuto electrointensivo; ou a súa combatividade contra o diésel. Todas elas decisións que van contra sectores clave para a nosa economía, no seu tecido industrial e no emprego.

ESTALEIROS, AUTOMOCIÓN E SECTOR ENERXÉTICO

Miguel Tellado indicou que logo que Pedro Sánchez tivese o proxecto das Fragatas F-110 que se ían construír en Ferrol parado durante 10 meses sen motivo e dada a situación límite nos estaleiros, o GPP solicitará que se dote a Navantia-Ferrol de carga de traballo a través da construción dun novo buque loxístico (AOR), como o que está ultimando para a Armada australiana. Ademais, que se reprograme o plan de traballo das cinco fragatas F-110 encargadas pola Armada española para adiantar o comezo do corte de chapa.

No sector de automoción, o Grupo Popular solicitará impulsar a axenda sectorial da industria da automoción que incentive os vehículos con baixas emisións, que non se restrinxa ningunha tecnoloxía, especialmente o diésel, incentivar a substitución de vehículos de máis de dez anos e non incrementar a fiscalidade sobre o diésel.

E, ademais, engadíu Miguel Tellado, “seguiremos pedindo un marco enerxético estable e que dea certezas á nosa industria electrointensiva., logo de non terse acadado unha solución que garanta a continuidade da antiga Alcoa, así como que se garanta a continuidade da central térmica das Pontes, alomenos durante a súa vida útil, que estaba garantida pola empresa ata 2045.

Iniciativas realistas, que pretenden dar un pulo á industria galega e “coas que o goberno de España pode demostrar, se quere, que non ten intención de atacar a Galicia comprometendo milleiros de postos de traballo e un forte volume de actividade económica” indicou o viceportavoz popular.

MENTIRAS DE GONZALO CABALLERO

Na rolda de prensa Miguel Tellado sinalou que “Gonzalo Caballero entrou dunha maneira moi pouco afortunada no Parlamento de Galicia, atacando a dous expresidentes autonómicos, non defendendo os intereses de Galicia pedíndolle a Pedro Sánchez que siga bloqueando os 700 millóns que nos corresponden aos galegos, e mentindo sen ningún pudor sobre a remuda da Valedora do Pobo”.

Sobre este último aspecto, indicou Miguel Tellado que o PPdeG pactou co PSdeG-PSOE o cambio á fronte da Valeduría do Pobo pero Gonzalo Caballero nega o evidente e, ou ben minte sen paliativos ou non sabe o que acontece no seu partido ou ambas cousas ”. “Se é esto último, que o diga pero se minte estamos ante un feito moi grave para unha persoa que ten responsabilidades nun partido” indicou o viceportavoz popular.

VISITA DA MINISTRA DE INDUSTRIA

Miguel Tellado recomendoulle á ministra de Industria, de visita hoxe en Galicia, “que se dedique á industria, que aprobe o Estatuto electrointensivo e que lle dea á nosa industria as solucións e as certezas que necesita, que non manteña o dieselazo, que axilice a carga de traballo do noso naval”, en definitiva, afirmou, “que se preocupe do que nos preocupa aos galegos, e non do que lle preocupa ao PSOE”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecisiete + 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.