Os obradoiros de emprego financiados pola Xunta melloraron máis de 150 instalacións e espazos públicos en 50 municipios lucenses

Os 20 obradoiros de emprego financiados pola Xunta de Galicia nos últimos meses -que se están clausurar nestes días- executaron obras de mellora en máis de 150 instalacións e espazos públicos de 50 concellos da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 5,6 millóns de euros nestes programas, que proporcionaron emprego a preto de 500 persoas, das que 360 foron alumnos traballadores que recibiron formación teórica e práctica en distintas especialidades co fin de mellorar as súa empregabilidade.

Balseiro lembrou que o obxectivo prioritario dos obradoiros é precisamente “reorientar a traxectoria profesional dos participantes cara a áreas con boas perspectivas de integración no mercado laboral”. Neste sentido, lembrou que na última convocatoria “realizáronse oito obradoiros duais, o que supón que 70 participantes disfrutarán de tres meses máis de contrato en empresas locais, logo de ter completado os nove meses xenéricos de formación”.

Porén, engadiu o delegado, “hai un segundo obxectivo, que é tamén moi importante para os concellos, dado que contribúen a reforzar os servizos e as dotacións dos concellos, executando traballos que doutro xeito terían que asumir as arcas municipais”.

Balseiro explicou que “os traballos realizados son moi diversos, pero todos teñen en común que contribúen a mellorar infraestruturas municipais e a embellecer o entorno”: Dende  labores de sinalización á construción de mobiliario urbano, coidado de xardíns e zonas verdes, recuperación de fontes e lavadoiros, traballos silvícolas, habilitación de espazos para o deporte e o ocio, ou mantemento de edificios municipais, entre outros.

Balseiro detallou algunhas das obras que deixan os obradoiros nas diferentes comarcas. Así, afirmou que na Mariña houbo 5 obradoiros que actuaron sobre máis de 50 instalacións e espazos públicos. Na zona centro desenvolvéronse cinco obradoiros que levaron a cabo unha trintena de  intervencións.

 

Na Terra Chá realizáronse catro obradoiros que tamén melloraron máis de 50 elementos. Na zona sur catro obradoiros executaron 14 obras,  e por último, na Montaña desenvolvéronse dous obradoiros que deixaron 14 obras.

Igualmente, algúns obradoiros centráronse na realización de servizos, como a organización e dixitalización de documentos municipais, caso de Ribadeo, Sarria ou Vilalba; a atención sociosanitaria, que tamén tivo cabida en Pantón, O Vicedo e Ourol; ou o uso das TIC e a dinamización cultural, temas que centraron os dous obradoiros concedidos ao concello de Lugo -un deles para menores de 30 anos-.

O delegado concluíu avanzando que “xa estamos inmersos nunha nova campaña, de modo que proximamente resolveranse e poranse en marcha os novos obradoiros, que abundarán nesta tarefa de mellorar as infraestruturas e os servizos municipais”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

siete − cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.